As illas galegas son as protagonistas dunha nova colección de El Patito Editorial onde narración e ilustración nadan xuntas ata o mesmo peirao. A primeira entrega "Sendas de Ons" vén de reunir a verba de Anxos Sumai e as ilustracións de Pablo Rosendo. A viaxe proseguirá pola Illa de Arousa e a Illa da Toxa, na colección Illadas.

"Eu nunca estivera en Ons, así que a proposta resultoume incluso máis actractiva porque iso permitiríame partir da descuberta persoal dun territorio alleo. Era estimulante tamén que se xuntasen dúas miradas: a de Pablo Rosendo a través das ilustración e a miña de escritora", explica Sumai.

Para coller inspiración, a autora botou "tres ou catro días na illa". "Sorprendeume, de entrada, sinala, o ruído provocado polas obras nas aldeas próximas ao peirao, pola preparación das casas e dos negocios para a chegada dos visitantes estivais. Ese barullo sorprendeume bastante pero non tardei en decatarme de que se concentraba nas aldeas de Curro e máis do Caño. Como aínda non había moita xente na illa, acabei por descubrir que podía percorrela en total soidade e iso foi marabilloso".

De feito, no texto do libro confesa que a bordo do barco cando se dirixía ao arquipélago visualizaba Ons como unha balea co seu baleato (Onza) e soñaba "co silencio e a soidade". Sen embargo, a animación por veces do lugar -mesmo se cruzou con xente disfrazada para unha festa, e así o relata- rachoulle os esquemas.

"A desagradable sorpresa inicial do ruído non tardou en ser substituída pola sorpresa do profundo silencio que me permitía ter presente todo o tempo en que camiñaba os sons da natureza: mar, aves e árbores. Outra cousa que non esquezo é a redescuberta do ceo nocturno: había anos que non vía a Vía Láctea! Foi un agasallo poder vela tan esplendorosa cando a brétema desaparecía polas noites. E tamén a luz intermitente do faro varrendo a escuridade se me quedou metida na cabeza", explica.

Precisamente, dese detalle tomou nota Pablo Rosendo. Unha das ilustracións máis belas da publicación é a descripción literaria de Anxos convertida en cores dunha noite sen brétema coa Vía Láctea retratada.

Recoñece Sumai que "eu non sabía demasiado de Ons e tampouco quixen saber nada antes de ir. Á volta, cando me puxen a ler, descubrín que se escribira moito sobre o arquipélago. Descubrín a súa historia,Hai mil episodios, pero a illa no fondo sempre mantivo o espíritu dun territorio sen lei, á marxe do continente. Parecíame unha ousadía, incluso unha falta de respecto, escribír sobre a illa como se realmente a coñecese. E ademais, é inabarcable. Así que decidín limitarme ao caderno de apuntamentos que fun tomando mentres a percorría, ás primeiras impresións. Por iso o resultado é un percorrido emocional e sensitivo".

Pola súa parte, Rosendo engade que as súas ilustracións foron realizadas con acuarela tras tomar apuntes con lápiz: "Debuxaba alí no momento na illa, tomando apuntamentos. Algunhas ilustracións coloreinas alí e outras na casa".