No seu discurso final, Antonio García Teijeiro defendeu que "o poeta ten que sentir o poema e facerllo sentir ó lector ou lectora. Ten que facer chover palabras que fagan esvaer a néboa que nos impide ver con claridade o camiño e que nos avise do abismo".

Para el, "o poeta ten que emocionar a quen o le. Se non o fai, limitarase a cantarlle só a choiva e erguerá un muro entre a palabra e o sentimento, entre o baleiro e a emoción. A poesía non é distracción. Con ela, non se pasa o tempo, axuda á conciencia dun mesmo, provoca preguntas necesarias para saber quen somos e que papel desenvolvemos na vida. Poesía é concienciación como seres humanos para que a vertixe que sentimos non nos devore".

García Teijeiro engadiu que todo conduce a algo e que o fin último é remover o subconsciente para ser conscientes de que somos "finitos".

Á hora de crear, ó igual que na vida, o poeta plantexa coherencia no que a literatura sirva de vehículo para "a reflexión moral", o que evidencia o compromiso do autor co que o rodea, a xente e as situacións. Para el, entra en xogo mesmo a liberdade.

Non obstante, advertiu que a poesía "non é unha panacea. Crea en nós un estado pracenteiro que se move entre a serenidade e a rebeldía".

No remate do coloquio, os participantes agradeceron a Club FARO a organización do encontro; tiveron tamén palabras de recoñecemento para Alba Piñeiro, a tradutora ó castelán dos versos; e resaltaron tamén a arte do fotógrafo Anxo Cabada que realizou a fotografía de Teijeiro para o libro. García Teijeiro recalcou o deseño limpo, elegante pero sinxelo da obra a cargo de Janeiro.