"As enquisas realizadas logo do confinamento apuntaban todas á excesiva carga de traballo durante o mesmo: estrés, ansiedade, fatiga mental... Por iso os docentes, logo deste tempo no que todo foi moi rápido e houbo que reaccionar en moi pouco tempo, reivindican o dereito á desconexión", expresou onte no seu obradoiro o profesor da Universidade de Vigo (Uvigo) José Carlos López Ardao.

Houbo moitos detalles que non poden volver a acontecer. Por exemplo: o alumnado con necesidades especiais quedou desconectado, non había solucións online nin estratexias preparadas para o contacto diario con estes alumnos e alumnas. "Non pode volver a pasar. Hai que buscar unha solución", expresou Ardao. No seu obradoiro, titulado "A educación ante o reto en liña do coronavirus", José Carlos López expresou que, segundo unha enquisa da CIG, "o 61% do profesorado tivo problemas para conectar co seu alumnado" nalgún momento do confinamento. "Na universidade a fenda dixital non é tan potente porque practicamente todo o alumnado ten o seu portátil e tamén está máis vinculada ás cidades" (pola ubicación dos campus), aclarou o profesor universitario, que tamén explicou uns detalles sobre a chamada 'gamificación,' unha das materais que ensina no ámbito da educación superior.

Tamén indicou que, segundo datos de Amtega, no ámbito urbano teñen problemas de conexión un 6% do alumnado (normalmente por falta de ordenador) e nun ámbito rural sería un 12%. "Ás pantallas fáltalles a dimensión socializadora. Evidentemente non é o mesmo. O alumnado pérdese máis, tamén é posible que desconecten, é difícil controlar os turnos, cansa moito máis", indicou o docente, que asegurou que, para a próxima vez, "non nos pode coller tan desprevidos".

Asegura o docente que o impacto desta "desconexión, desidia, cansazo..." é menor en Primaria: "hai máis tempo para recuperar o que faga falla". En canto se escala máis cara outros niveis o tema complícase, sobre todo tendo en conta que se perdeu practicamente un tercio do curso.

Considera o profesor que na Universidade de Vigo reaccionouse "bastante rápido". En moi pouco tempo adaptouse o sistema e considera este docente que hai que aproveitar o traballo feito en poucos meses para establecer un sistema que poida empregar esa parte online. "A universidade pública ten que apostar polo ensino presencial na medida do posible. É absolutamente necesario, pero cando non é posible hai que estar preparados. Debe ser presencial, non fai falla entrar nunha guerra de docencia online", apuntou Ardao na entrevista a FARO.

"Eu nunca tantas horas traballei", expresou onte Ardao referíndose á etapa do confinamento. Asegura que ata un 80% ou un 90% incluso dos docentes consultados asegurou que o horario de traballo foi excesivo: 24 horas e sete días á semana. Poñer todo en orde para que a docencia puidese seguir o seu curso foi todo un reto. E dese reto López Ardao sacou onte conclusións, no obradoiro cos docentes (que hoxe repetirá, igual que os compañeiros), para evitar repetir erros.