O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega acordou incorporar ao seu dicionario novas entradas e acepcións relacionadas co vocabulario da pandemia do coronavirus, como 'gromo' e 'repunta'.

En concreto, incorpórase 'gromo' para denominar a aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar; así como repunta para referirse á nova aparición de algo, especialmente dunha doenza epidémica nun lugar no que xa estaba controlada ou en vías de desaparición.

Diso informou a Real Academia Galega nun comunicado, no que sinala que a última actualización do seu dicionario, visible desde este martes, incorpora, ademais, outras voces científicas que irromperon na linguaxe cotiá como 'triaxe', 'gotícula', 'polimerase' ou 'cápside'.

A palabra 'gromo' designa orixinalmente o pequeno vulto que lles sae aos vexetais no talo ou nas ramas e que se vai transformando en novas ramas, follas ou flores, tamén denominado en galego 'abrocho', 'bota', 'botón', 'rebento' ou 'xema'.

A Real Academia Galega xa incorporou o pasado mes de maio ao seu dicionario outras voces relacionadas coa pandemia como 'covid-19', 'coronavirus', 'desconfinamento' ou 'desescalada'.

Desta vez, ademais de 'gromo' e 'repunta', entran tamén 'triaxe', 'gotícula', 'cápside', 'reservorio' e 'polimerase', termo que saltou dos laboratorios á rúa pola generalización da técnica de reacción en cadea da polimerasa (PCR, polas súas siglas en inglés) para diagnosticar o coronavirus.

Compleméntanse ademais as entradas de letalidade e mortalidade coas expresións 'taxa de letalidade' e 'taxa de mortalidade'; e engádense outros termos do vocabulario médico como 'antitusivo' ou 'antitusíxeno', 'axeusia', 'hipoxeusia' ou 'frotis'.