11 de mayo de 2020
11.05.2020
Faro de Vigo
Galicia:
Casos (total):
  10.773
Fallecidos:
 598
Recuperados:
 7.996
España
Casos (total):
228.691
Fallecidos:
  27.104
Recuperados:
  140.823
Actualizado: 13-05-20 12:35h

A calidez dun mestre serio

Alumnos de Carvalho Calero no colexio Fingoi de Lugo e na Universidade de Santiago lembran o seu paso polas aulas do protagonista das Letras

11.05.2020 | 02:26
O profesor Ricardo Carvalho Calero. // Moncho Rama

Don Ricardo foi máis que un mestre para os nenos e mozos que pasaron polas súas aulas no Colexio Fingoi de Lugo ou na Universidade de Santiago. O rostro serio e severo de Carvalho Calero agochaba, tras de si, a calidez dun home moi humano e un pozo de sabedoría que conseguiu espertar en decenas de persoas a alegría e o amor pola cultura nun período tan escuro como a ditadura. O intelectual ferrolán entrou a Fingoi nos 50 nun momento moi difícil da súa vida, tras ser represaliado e encarcerado polo franquismo. O empresario Antonio Fernández López apostou por el para sacar adiante un modelo educativo diferente, un colexio mixto que quería darlle unha oportunidade aos nenos do rural e ensinarlles a pensar por si mesmos.

A directora do centro, Asunción Fernández, foi unha destas nenas e tamén a encargada de seguir os pasos dun mestre "excelente", un home "sabio" e serio que non dubidaba en emocionarse recitando, cantando e rindo cos seus estudantes. Don Ricardo vivía no mesmo centro, onde exercía permanentemente de docente e director, aínda que non de maneira oficial. "Estaba todo o día no colexio, no comedor comía connosco, no patio e tamén cando tiñamos a hora de estudo, porque non estaba permitido levar nada a casa. Controlaba todo iso", lembra Asunción, nunha entrevista con Europa Press. A docencia de Carvalho Calero non se limitaba ao mero coñecemento, que aplicaba dun modo "estrito" e "esixente": traballaba co contexto, recitaba poemas e cultivaba a creatividade do alumnado cos seus propios escritos, algúns deles premiados nos Xogos Florais e Minervais.

A escritora Carmen Blanco, entón unha nena, asegura que as súas clases eran "moito máis que a materia que impartía". "Ensinábanos a falar, a recitar, a pensar, a imaxinar, a ter criterio". A autora lembra a principal lección de Don Ricardo: "O amor ao propio, ao que tiñas máis preto, sen prexuízos". Varios dos seus alumnos pertencían a familias "represaliadas" e de mentalidade progresista, lembra. Blanco xa era consciente entón da persona "importante" que encarnaba o seu profesor polas historias que lle contaba a súa familia. Era un profesor "esixente e duro", insiste Blanco, pero "tiña un gran sentido do humor. Cando nós tentabamos poemas, con algúns choraba da risa", rememora unha alegre Asunción Fernández.

Cada fin de curso, os escolares interpretaban obras teatrais dirixidas por el, aproveitando este medio para "desenvolver grandes capacidades", a dicción e a entonación, sempre pendente da corrección da fala. Tamén acompañaba aos nenos en viaxes de estudos, con saídas pola contorna, cultivando o coñecemento a través da etnografía e a observación directa. Moitos alumnos "tiveron a sorte de coñecer a Otero Pedrayo ou a Ramón Piñeiro, moi amigos del".

Blanco volveu ser estudante de Carvalho na Universidade de Santiago, onde o intelectual conseguiu praza como primeiro catedrático de Filoloxía Galega. Alí Don Ricardo marcou a toda unha xeración de intelectuais e autores, como o editor e presidente da RAG, Víctor Freixanes; Pilar Pallarés, Premio Nacional de Poesía 2019; ou a escritora Pilar García Negro. "Cando nós chegamos á súa clase non sabiamos nada, moi pouco, chegamos bastante asilvestrados. Algúns eramos urbanitas outros das aldeas, cada un da súa lingua e a súa maneira de entender o galego. Como profesor ordenounos o cerebro, deunos información de forma culta e esixente e construímos con el a historia e o canon da literatura", destaca Freixanes.

Pallarés, pola súa banda, procedía dun colexio "moi pequeno" da Coruña. "Era bastante distante, severo e irónico. Moitos alumnos admirabámolo e agora penso que quizais eramos demasiado novos para ver detrás desa ironía todo o que había de cordialidade. Para min, tamén supuxo descubrir a lingua da miña familia, dos meus pais, e unha tradición literaria e poética marabillosa que nos abría camiños a todo o mundo. E iso foi da súa man", conclúe Pallarés.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

LA MEJOR INFORMACIÓN, CERCA DE TI


FARO te ofrece un nuevo servicio de pasatiempos y juegos online

Disfruta desde tu ordenador o tu móvil de más de un centenar de retos como crucigramas o sudokus

FaroEduca