Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Servando López - Presidente Asociación Galega de Anestesioloxía

"Hai que recuperar a normalidade; non ten sentido ter os quirófanos vacíos"

"Galicia cumpre perfectamente o criterio de camas de críticos para pasar á seguinte fase grazas ás de Anestesia, sen ter que crear ningunha nova "

O doutor Servando López, no CHUAC, onde traballa. // FdV

Os anestesistas son profesionais "moi polivalentes". Conta o seu presidente en Galicia, o doutor Servando López, que o levan no ADN. Esta pandemia, na que atenderon aproximadamente a metade dos ingresados con Covid-19 que precisaron coidados críticos, reforzou esta realidade.

- Galicia ten entre 1,5 e 2 camas de críticos por cada 10.000 habitantes, as que require o Goberno para poder pasar á seguinte fase?

-Si, tenas. Os servizos de Anestesioloxía teñen máis camas para doentes críticos das que aparecen reflictidas nalgúns informes ou das que dixo nalgún momento Sanidade. Fixemos un reconto das que temos recoñecidas, perfectamente dotadas con respiradores e monitorización avanzada, e son 153: 32 no CHUVI, 26 no CHUAC, 20 no CHUS, 20 en Povisa, 14 no HULA, 12 no CHOU, 12 en Ferrol,10 en Pontevedra e 7 en Burela. Creo que é un número que duplica as de coidados intensivos.Todo isto, sen contar as de recuperación postanestésica (URPA) e de cirurxía sen ingreso (UCSI), coas que poderiamos duplicar ou incluso triplicar o número. Polo tanto, entendo que Galicia cumpre perfectamente ese criterio para a desescalada grazas ás camas de Anestesia, sen ter que crear ningunha nova.

-E poden ter esta previsión de camas e recuperar a actividade cirúrxica?

-Penso que hai que ir recuperándoa progresivamente porque, evidentemente, o caso de Galicia non é o de Madrid ou Barcelona. A incidencia da pandemia foi menor e nunca se chegou a suspender totalmente a actividad cirúrxica. Ao marxe da urxente, seguíuse facendo a programada de doentes oncolóxicos de modo habitual. Aquí xa recuperamos parte de actividade, pero agora hai que ir ampliando ata volver á normalidade. O que non hai que ter é os hospitais parados e as camas esperando outra futura crise. Se hai un rebrote, pararíase a cirurxía e volveríanse usar esas camas. Non ten sentido ter os quirófanos e os postos de críticos vacíos agora, eso é ineficiencia. Dende a Asociación Galega de Anestesioloxía, Reanimación e Dolor (Agaryd) e dende a sociedad española (Sedar), o que defendemos é unha utilización racional dos recursos. Todo indica que a situación en Galicia está bastante controlada e non imos precisar inmediatamente esas camas. O que temos que facer ata que chegue ese momento, se é que chega, é dar saída aos doentes en lista de espera.

-Canto tardarían en activar esas camas de novo para Covid-19?

-É bastante rápido. Esas 153 camas están ocupadas en condicións normais con pacientes postoperados,e no momento en que paralices esa actividade, en dous ou tres días, o 80% quedan libres. A pandemia tampouco é algo que apareza de repente. Dende que se detectan os primeiros casos dun rebrote ata que eses doentes precisen ingresar en críticos, con soporte ventilatorio, pasan 5 ou 7 días. Non é inmediato. Teríamos tempo para prepararnos, como sucedeu en marzo. En Galicia non houbo desborde nos hospitais e, en ningún momento, houbo risco de que se colapsara o sistema sanitario pola Covid-19

-Cantas camas de críticos de Anestesia chegaron a empregar para infectados por Covid-19?

-O cálculo que temos é que de todos os pacientes ingresados por insuficiencia respiratoria a consecuencia da Covid-19 en Galicia, aproximadamente, a metade foron atendidos en camas de coidados críticos xestionadas por Anestesia. Estase a facer un estudio sobre o total de pacientes atendidos nos nosos servizos, tasas de mortalidade comorbilidades, do cal pronto teremos os resultados.

-Pero iso non requeriu toda a capacidade dos servizos, non?

-Para nada. Hai hospitais como o HULA, nos cales non foi necesario atender doentes do Covid-19 nas camas de Anestesia. Empregáronse, aproximadamente, a metade dos recursos dos que dispoñemos. Se tivéramos que atender cen pacientes máis por Covid-19, que precisaran soporte ventilatorio, Galicia tería capacidade. E falamos só do sistema público. A privada ofreceu moitas camas de críticos que non se utilizaron.

-Sería preciso algún reforzo?

-Depende do número de pacientes do brote. Os reforzos sempre son necesarios, sobre todo os recurso humanos para dar saída ás listas de espera cirúrxicas. A nivel tecnolóxico é necesario ir renovando respiradores. Agora ben, se tivéramos que atender a 500 pacientes en ventilación mecánica, evidentemente, teríamos que optimizar ao máximo os recursos existentes e serían insuficientes.

-Pero sería bo reforzar agora con máis respiradores?

-Descoñezo en cantos respiradores aumentamos coa pandemia. Cando falo de utilización racional dos recursos, refírome a non sobredimensionar servizos que habitualmente teñen una ocupación media dun 60-70%. Nesta pandemia, o que se fixo foi mobilizar recursos dunhas unidades a outras. Agora ben, débese facer unha renovación de moitos respiradores e máquinas de anestesia, pero o prioritario sería dotar de máis monitores e respiradores aos hospitais comarcais. Un 10% dos pacientes que ingresan precisan soporte ventilatorio. Onde pode darse? Nas unidades de medicina intensiva e de anestesia, pero hai outros espazos que ninguén dixo: as UCI de Pediatría contan con profesionais capacitados para atender doentes Covid-19. Atenden a unha poboación de ata 14 anos e hai nenos de 12, 13 e 14 anos que pesan máis que moitos adultos. Nunca se pensou nesa posibilidade porque por sorte non foi necesario. Hai outros servizos que non se empregaron e, ao mellor, é tamén por onde hai que apostar en caso de necesidade: as unidades de coidados intermedios. Ante unha futura pandemia, a resposta ten que ser desde moitos servizos, con coordinación, asumindo cada un os doentes en función da gravidade. Nesta resposta colectiva, Anestesioloxía é a especialidade máis numerosa tras Medicina de Familia. Estamos falando de que en Galicia hai 500 anestesiólogos. De poñelos a traballar todos para o Covid-19 -que non é factible, porque sempre haberá urxencias-, imaxina a capacidade que teríamos. Queremos insistir, en utilizar de forma racional e darlle continuidade aos recursos no tempo.

EN DIRECTO

Coronavirus en Galicia: última hora

Sigue las noticias sobre la incidencia de la pandemia del Covid-19 en la comunidad

Compartir el artículo

stats