[PRIMEIRA ENTREGA

[SEGUNDA ENTREGA

Á mañá seguinte, cando os pais de Xabi descubriron que agora era un Xabi de chocolate, quedaron atónitos. Por un momento entráronlles ganas de darlle unha lambetada, tiña pinta de estar moi rico! Mais non o fixeron.

-Eu non quero ir á escola -bisbou o Xabi de chocolate cun pouco de medo-. Os nenos vanme comer. Mirade que orellas tan apetitosas teño! É terrible!

-Tranquilo -acougouno a nai, facéndolle un aloumiño-. Quedarás na casa ata que deixes ser Xabi de chocolate. Isto só é temporal.

Estaban convencidos de que pronto volvería á normalidade, mais non foi tan sinxelo. O neno comera tantísimo chocolate que pasaban os días e el continuaba naquel estado.

-E agora que facemos? -preguntou o papá de Xabi unha mañá, mentres almorzaban-. Haberá que procurar unha solución. Non podemos deixalo así para sempre. Pensa o que sucederá cando chegue a calor. Vaise derreter! Terá que pasar todo o verán metido na neveira.

-Xa o teño! -exclamou a nai, que acababa de ter unha fantástica idea-. Non sei como non se me ocorreu antes. Verduras! Darémoslle verduras ata que recupere a súa forma orixinal.

Ao neno aquela idea pareceulle espantosa. Odiaba as verduras, mais non lle quedou outro remedio. Durante semanas fixo un grande esforzo e comeu verduras de todo tipo, mesmo para almorzar: brócoli, coliflor, nabizas, grelos, cenorias, repolo, verzas, cabaciña, berenxena... E así, un día tras outro, verduras, verduras e máis verduras ata que, pouco a pouco, foi recuperando a súa forma humana... Ou talvez non? NON! O Xabi de chocolate converteuse nun Xabi de verduras.

-Non pode ser! -dixo o pai, que non daba crédito á nova mutación do seu fillo.

O Xabi de verduras, diante do espello do seu cuarto, fitou con abraio os seus dedos de cenorias, o seu pelo de brócoli e o nariz verde con forma de chícharo.

-Apuf! -protestou.

Saíu á rúa, na procura dun chisco de aire fresco. Sentía que afogaba dentro daquela casa. De súpeto, un coelliño que cruzaba a estrada en dirección a unha leira, detívose e mirou a Xabi aos ollos. A continuación baixou a vista ata os seus dedos de cenoria e pensou: ÑAM ÑAM!

O neno, aterrado, entrou de novo na casa e pechou a porta con chave. O coelliño correu veloz, ata perderse entre a herba tan verde coma o Xabi de verduras.

[FIN]