Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Montse González - Xinecóloga silledense en Madrid

Montse González Rodríguez: "Para min o máis complicado é que os pacientes teñan que ingresar sós"

"Hoxe por hoxe a probabilidade de que un neno naza con coronavirus é baixa"

Montse González diante dun mural do seu hospital.

Esta silledense é xinecóloga en Madrid, un dos focos de maior contaxio de coronavirus en España. Trata de que as nais dean a luz nas mellores condicións e máis ante esta situación. Incluso, no hospital fixeron un precioso vídeo para tranquilizalas e decoraron o paritorio con bolboretas e arcos da vella e nunha parede colocaron trevos nos que están as pegadas dos bebés que van nacendo nestas datas.

-Como leva esta situación?

-É unha sensación diaria de ter que respirar profundo para poder seguir. Eu son unha afortunada porque non traballo en primeira liña porque como son xinecóloga estou en segunda. Ademais, a parte do meu traballo é a máis bonita neste momento porque as mulleres por sorte seguen parindo e seguen vindo os nenos ao mundo. En cambio o meu marido si que o ten máis complicado porque é o xefe de urxencias dun dos hospitais máis castigados. E imos tendo limitacións porque pouco a pouco vaise acabando o material.

-Percibe medo nas nais?

-As mulleres están tranquilas, pero nerviosas. Os datos que temos de China a día de hoxe parece que non hai unha transmisión clara de nais aos fillos, o que chamamos nós transmisión vertical. Pero é parir nunha situación de pandemia, é parir nuns hospitais que están cheos de coronavirus e non tes as mesmas comodidades como ás que estabamos acostumados. Por iso, elas están nerviosas, pero no noso caso, si que se manteñen tranquilas cando veñen á consulta e falan con nós e tamén o feito de que non pechásemos o noso paridoiro. Iso dálles moita tranquilidade, de que poidan seguir parindo no seu hospital.

Montse González, xinecóloga en Madrid: "Para min o máis complicado é que os pacientes teñan que ingresar sós"

Montse González, xinecóloga en Madrid: "Para min o máis complicado é que os pacientes teñan que ingresar sós"

-Supoño que é importante incidir na parte psicolóxica.

-Si porque non é fácil parir nun momento así porque sempre é un momento delicado para unha muller.

-Como conseguiron manter aberto o paridoiro?

-A semana pasada cando o hospital estaba tan tan saturado de coronavirus a única solución que se plantexou era cerrar o paridoiro porque necesitaban todas as camas para os pacientes de Covid. Nós, gracias á dirección do hospital, presentamos un proxecto que consistía en que fixeramos no noso paritorio unha parte de paridoiro e outra de hospitalización. Deste xeito, as mulleres veñen, dan a luz e pasan o primeiro día postparto no mesmo sitio sen moverse a ningunha outra planta. Iso fixémolo a base de converter salas nas que normalmente había para outras exploracións, para observacións ou incluso, algún despacho ou almacén, en habitacións. E lográmolo grazas a que temos un equipo de mantemento no hospital incrible, que en menos de doce horas nos fixo isto. Tapiamos unha das portas e é o que chamamos bunker paritorio. Así a muller entra co seu acompañante e non sae ata que se marcha de alta. Entón aínda que o hospital é todo Covid a nosa zona está restrinxida e así mantemos a seguridade das pacientes. As mulleres están contentas porque seguen estando acompañadas e agora marchan ás 24 horas e vanse tranquilas porque volven despois a facer a proba do talón e todo o que sexa necesario ao día seguinte e séntense máis seguras de estar nas súas casas. É un proxecto que está sendo moi ben aceptado pola poboación. Dentro dunha situación que é dificilísima intentamos que neste momento vital como é traer un fillo ao mundo non sexa tan duro.

-Cal é a probabilidade de que un neno naza con coronavirus?

-Hoxe por hoxe é baixa. Ademais, no noso centro, a pesar de estar nunha zona complicada, aínda non tivemos ningún caso de ningunha muller infectada no parto porque as embarazadas teñen pouco risco de collelo.

-Comentábame que o seu marido é o xefe de urxencias doutro hospital madrileño. El como o leva?

-Na casa é complicado porque somos dous sanitarios e temos dous fillos de 10 e 11 anos e os nenos estanos dando unha lección de levar esta situación, os nenos en xeral. É incribe como eles se adaptan ás situacións. Intentamos manter as distancias de seguridade, estamos os catro sos e ao chegar á casa ata que pasas pola ducha non hai abrazos. E nunca estás tranquilo porque sempre tes medo de traelo e intentándoo apoiarnos un ao outro aínda que é difícil.

-Como están os ánimos nos centros hospitalarios da capital?

-É moi complicado porque para min o máis difícil desta crise é que os pacientes teñen que ingresar sós. Aos familiares infórmaselles por teléfono pola seguridade de todos. E para min a soidade é o más duro.

-Cando pensa que se vai frear a pandemia?

-Gustaríame ter unha resposta, pero vamos vendo os resultados doutros sitios e frenaremos a curva gracias a que a xente, que para min é o máis importante, se queda na casa. Esa xente é a que realmente nos está axudando e o que máis me motiva é ver como ela está respondendo. E a min emociónanme as iniciativas que hai aí en Galicia de xente facendo pantallas e cosendo mascarillas. E encantaríame poder estar en Silleda a noite de San Xoán cando se queimen todas as pancartas que están poñendo os veciños nas ventás que paréceme algo precioso.

Compartir el artículo

stats