Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O coronavirus dá unha labazada na liña de flotación das empresas do libro galego

Editoriais como Galaxia, Xerais e Kalandraka vén comprometidas as campañas de marzo, abril e, case con seguridade, maio - Prevén unha nova crise económica nas librarías

Algunhas feiras do libro corren risco de non celebrarse. Imaxe da de Vigo o pasado ano. //Cristina Graña

Algunhas feiras do libro corren risco de non celebrarse. Imaxe da de Vigo o pasado ano. //Cristina Graña

O sector editorial galego é como un barco que vai de catro a catro, nunha idea circular, malia o seu pesar. Aínda estaba a estarricarse do letargo da anterior crise cando agora ameaza unha nova: a do coronavirus e postcoronavirus. "Isto é unha lavazada na liña de flotación. A nós, aféctanos moitísimo, falo pola nosa empresa e por todo o sistema editorial de Galicia", sinala Francisco Castro, director xeral de Galaxia.

EN DIRECTO

Coronavirus en Galicia: última hora

Sigue las noticias sobre la incidencia de la pandemia del Covid-19 en la comunidad

"Teremos que facer unha nova planificación porque non imos poder saír cos libros de dous ou tres meses ó mesmo tempo. Sería unha loucura para as librarías e un suicidio para nós", indica o máximo responsable de Xerais, Fran Alonso.

Xosé Ballesteros, de Kalandraka, non ofrece unha diagnose con mellor horizonte. "Estamos como os osos hibernando con media empresa inactiva, refírome á rede comercial de Galicia, de toda a península e Italia; mentras a outra media traballa nos procesos de edición de libros. O noso plan editorial vai ter un parón con prolongación no tempo", advirte.

Pola súa parte, Francisco Castro ofrece unha descripción: "Nós adicámonos a vender libros en dous mercados. Un é o das librerías e outro está formado polos colexios que agora están pechados. Conclusión: temos unha compañía, Galaxia, que agora mesmo non pode facturar nada de nada. A decisión que tomamos foi parar a saída de novidades (12 títulos para o mes de abril). Non metimos nada no prelo e o que estaba alí pedimos que non nolo envíen porque non podemos facer fronte a todo iso e só serviría para ateiga-lo almacén de libros que non se poderán comercializar ata que todo isto pase".

Dende Xerais, engaden que eles tamén teñen detida a saída de novidades e a distribución. "Nós temos libros nas imprentas e temos novidades no almacén que non pode chegar ás librarías. Por exemplo, témo-lo último libro de Ledicia Costas no almacén", explica Fran Alonso, de Xerais, en referencia ó título "Vampira de biblioteca". A propia autora o confirma: "Eu non cheguei a ve-lo libro".

Nos medios de comunicación periódicos galegos, tamén sofren esta situación. É o caso do número 73 da revista "Luzes". "Está impreso pero non o podemos distribuír a subscriptores polas limitacións de Correos. Por iso, difundímolo libremente" na web, sinala o seu equipo.

Pola súa parte, Fran Alonso, de Xerais, engade que "se acumulan as novidades de marzo coas de abril. Ó mesmo tempo, provoca problemas na edición porque só temos dúas persoas traballando en presencial. Traballar dende a casa é complicado porque non temos a infraestrutura que a edición requere. Nas casas non hai programas de edición actualizados, servicio de intranet, vías de comunicación axeitadas? É difícil mesmo facer chamadas polo móbil porque temos as liñas saturadas. A primeira proba de imprenta está sendo moi difícil facela".

Ademais da venda en librarías, esvaécese o soño das vendas de boa parte das feiras dos libros. "Caen as feiras do libro, cae o San Jordi catalán que é todo un símbolo. A campaña das Letras Galegas que é todo un símbolo alá foi. Esa campaña ou non a haberá ou a haberá que facer despois do 17 de maio. Esta é a situación de hecatombe", apunta Castro.

Ballesteros opina que "isto vai para longo e, posiblemente, tampouco cheguemos coas novidades de maio", ó tempo que lembra que Kalandraka mantén o contacto coas familias dos lectores mediante Kalandraka TV onde aparecen contacontos cada día ademais doutros recursos para fomenta-la lectura.

Pola súa parte, Fran Alonso (Xerais) recoñece que "maio é un mes magnífico para a venda. Supoño que estará rehabilitado o circuito pero non o sei porque isto vai para longo. Está claro que se ampliará ata despois da Semana Santa". Asemade, vaticina que "para as librarías vai ser difícil recupera-la normalidade".

Ballesteros, de Kalandraka, apunta que "esta situación é dramática; están a morrer moitas persoas? e que vai pasar despois? Na primeira liña, están as librarías; vanno pasar mal. Dende a Asociación Galega de Editores, faremos algunha petición ás autoridades porque hai que artellar medidas para que a cultura, un ben común, o sector do libro, non se resinta e non suceda o do 2008".

Alén de todo iso, están tamén as feiras no exterior. Este ano Francisco Castro estaba convidado á feira de Bos Aires porque lle deron un premio a Galaxia polo 70 aniversario e xa estaba todo o tema de avións, hoteis? "E alá foi", lamenta.

Castro posúe unha das voces que non descarta que puidesen abri-las librerías: "Nos supermercados, a xente fai cola para entrar e cando saen uns, entran outros mercar. Eu creo que iso mesmo podería facerse nas librarías. Non acabo de entender por que poden entrar centos de persoas nos supermercados e non poden entrar algunhas persoas en librarías. Eu creo que habería que abrilas con urxencia. Lin que en España as perdas para o sistema editorial van ser de mil millóns de euros. Que calquera se poña na pel do libro galego, un sector en crise permanente".

Preguntado Ballesteros que opina, o responsable de Kalandraka e presidente da Asociación Galega de Editores (AGE) non se amosa tan rotundo: "Particularmente, penso que tal como está a situación está ben que as librarías estean pechadas. É mellor antepoñe-la saúde á situación económica". Iso si, amósase partidario de que quizais as bibliotecas puidesen ter uns servizos mímimos para recibir encargos ou facer préstamos. "Pero, non sei se estou no certo. Todo iso é moi complicado", conclúe.

Francisco Castro - Editorial Galaxia

"Agora mesmo non podemos facturar nada de nada (...) Esta é unha situación de hecatombe"

Fran Alonso - Edicións Xerais

"Traballar dende a casa é complicado porque non temos a infraestrutura que a edición requere "

Xosé Ballesteros - Editorial Kalandraka

"Isto vai para longo e posiblemente non cheguemos coas novidades de maio"

Compartir el artículo

stats