Xavier Estévez, docente e autor de libros como 'Os camiños do vento' ou 'Avións de Papel' (Xerais), tamén de 'Aqueles momentos que perdemos' (Oqueleo), conta nas súas charlas con escolares que el tivo "unha época moi mala" nos estudos, cando tiña 12 e 13 anos. "A meus pais dixéronlles que eu non ía estudar na vida, que podía adicarme a algo manual, pero que non ía chegar moi lonxe. Iso non foi certo. A min gustábame escribir xa dende os 9 anos. Por iso trato de trasladarlles que con esforzo e traballo poden chegar a ser o que queiran", conta.

"Que as notas non sexan brillantes non quere dicir nada", engade Estévez. Nos últimos libros que explica aos escolares do proxecto FARO DA ESCOLA, Estévez céntrase nos nenos sirios que chegan a Europa, nos refuxiados. "Creo que Europa non está a facer ben o seu traballo. Nas charlas, o tema é tratado tendo en conta as idades, evidentemente. Incluso con momentos de humor. Non é cuestión de preocupalos. Pero si que entendan o que ocorre nas guerras, o destino que teñen que vivir os refuxiados. É bo que saiban da realidade, que saiban que hai nenos con moitos problemas", apunta o autor. Expresa Xavier que os nenos e nenas de hoxe en día len moito. "Eles e elas son grandes lectores. Hai moita literatura infantil e xuvenil nestes momentos e soen gustarlles as historias que len. É por iso que para eles os autores están como noutro nivel. E telos presentes para preguntarlles detalles dos libros é moi emocionante", engade Estévez.

Xavier Estévez afirma que viviu unha experiencia moi enriquecedora nos centros nos que impartiu charlas este curso: CPR Marcote, CPR Plurilingüe Mariano, CPR Plurilingüe Las Acacias, CEIP Frián-Teis e CPR Plurilingüe Alborada. Na foto, a súa última conferencia no CPR María Inmaculada.