DTO ANUAL 27,99€/año

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xavier Castro: "Hoxe estamos nunha sociedade moito máis desigual cá antiga"

O historiador indicou que a propiedade estaba bastante repartida no XIX e XX - "A emigración masiva en Galicia non foi a expresión dun fracaso do sistema", defendeu

María Xosé Porteiro, con Xavier Castro (centro) e Xosé Manuel Soutullo. // Ricardo Grobas

María Xosé Porteiro, con Xavier Castro (centro) e Xosé Manuel Soutullo. // Ricardo Grobas

O historiador Xavier Castro participou onte no Club FARO onde rachou con estereotipos sobre a vida cotiá en Galicia. Ante o público, subliñou que nos séculos XIX e XX, en Galicia, "a propiedade estaba bastante repartida; a sociedade era moito menos desigual do que é hoxe. Estamos nunha sociedade agora moito máis desigual cá antiga na que estaba máis repartida a riqueza".

Castro presentou o seu último libro, "Servir era o pan do demo. Historia da vida cotiá en Galicia. Séculos XIX e XX" (Galaxia). Foi presentado por Xosé Manuel Soutullo, director adxunto da Editorial Galaxia; e foi intrevistado pola escritora e xornalista María Xosé Porteiro.

Outro mito que caeu na súa conferencia foi o do motivo real da emigración galega. Ó respecto, indicou que "a emigración que ten lugar masivamente dende o ano 1890 é a expresión de que había moita poboación. Chegou un momento no que custaba equilibra-los recursos e a poboación; pero non se rompeu o equilibrio dunha maneira dramática como en Irlanda onde marchaban masivamente pola fame por especializarse no cultivo da pataca".

Engadiu que "aquí, foron máis prudentes; non houbo especialización nun produto (de cultivo) agás na comarca do Ribeiro. Galicia tiña policultivo, o que beneficiaba a calidade de vida humana".

Segundo o seu parecer, "a emigración que se produciu de maneira masiva non foi tanto a expresión dun fracaso polo sistema económico ou social como a visión dun novo horizonte de oportunidades".

Xavier Castro lembrou que algúns autores deron unha visión trabucada da emigración que se asentou no ideario do país ata hoxe: "A Xeración Nós -en especial, autores como Castelao, aclarou- dicían que emigrar era renunciar á emigración; que emigrar era cousa de pobres. Pois, non, porque os pobres nin emigraban. Os xornaleiros andaluces nin emigraban, o máis que podían facer era emigrar a Cataluña".

A continuación, engadiu que "a emigración era unha expresión de diversidade de estratexias e a familia extensa do rural galego, que ademais era unha unidade produtiva na que convivían tres xeracións, financiaba a emigración dun dos membros novos, dun home porque tiña máis facilidade de movemento para desplazarse", xa que a muller non estaba en igualdade de condicións sociais e ante a lei (non podía votar, non podía ter unha conta corrente).

O escollido na familia para emigrar "buscaba mellor fortuna, pero non por unha aventura individual. Membros da familia axudaban a financiarlle a viaxe para despois recibir recursos que este xiraba", explicou o historiador e investigador.

Castro engadiu que "a sociedade que emigra non sempre entra en crise, senón que se reforza".

De feito, "con esas remesas de cartos que enviaba a persoa emigrada, os familiares compraban máis leiras, máis gando ou electrificaban o pobo. En definitiva, a visión da emigración galega como debacle está superada", recalcou.

No seu coloquio no Club FARO, o catedrático de Historia tamén afastou a idea de que a alimentación en Galicia nos séculos XIX e primeira metade do XX era peor ca no resto do Estado.

Indicou que cientificamente está acreditado que estaba na media española e que se demostra ó analizármo-los datos de talla e peso dos homes que eran chamados ó servizo militar cando o crearon no século XIX. Os números dos galegos estaban no medio da táboa. "Non estaban peor ca na Cataluña", matizou.

Non obstante, recoñeceu que a dieta era moi limitada. Por exemplo, o consumo de leite e ovos era moi exiguo porque se destinaban á venda para conseguir cartos para a economía familiar.

Ademais, xeralmente, só se criaba un porco ó ano para consumo familiar porque non se adoitaba tomar moita carne de porco, de aí que o caldo dos antergos fora "moi austero", con patacas, verdura, fabas e mesmo pouco sal. Este último mesmo se administraba con modestia polo prezo.

Sobre as condicións alimentarias da sociedade galega fala Castro en "Servir era o pan do demo". Este ensaio editado por Galaxia obtivo o XII Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo. O seu fin é ofrecer un achegamento de síntese á historia da vida cotiá na Galicia contemporánea.

O autor recoñece no inicio da obra que "existen aínda lagoas na nosa historiografía e apartados escasamente investigados".

O libro trata da vida nos fogares labregos, a alimentación, indumentaria, o frío, hixiene, infancia, escola, noivado e amor, matrimonio, ars amandi na vellez (a cinzarrada), a familia e os perfís sociais.

Compartir el artículo

stats