"Ponte nas...ondas!" celebra 25 anos loitando por expandi-la mensaxe do patrimonio inmaterial cultural de Galicia e Portugal. Para festexalo, organiza unha maratón na radio o día 27 de marzo así como outras actividades ó longo do ano como un certame de podcasts ou sobre imaxes do patrimonio.

"O obxectivo é facer unha gran festa de comunicación nas ondas onde se visibilice o traballo das radios das escolas co patrimonio inmaterial cultural galego-portugués", explicaba onte Santi Veloso, que presentou en Vigo a iniciativa xuntos a Xerardo Feijoo, apoiados pola vicerreitora de Comunicación, Mónica Valderrama.

O maratón de radio -que se emitirá en streaming de audio e vídeo por UVigo TV a través do portal www.escolasnasondas.com- tamén dará cabida ás radios dámbolas dúas beiras da raia. O fin é que estas e as dos colexios conviden a participar a grupos de portadores do patrimonio cultural como artesáns ou músicos.

Ademais, propuxeron a grupos e solistas a compór un tema exprofeso para os 25 anos desta iniciativa. Xa responderon Dulce Pontes e Uxía cunha canción en conxunto; Magín Blanco e Voces del Más Acá.

O bloque central vano efectuar en directo e abranguerá entre as dez da mañá e as sete da tarde. Para as outras franxas horarias, haberá programas pregravados.

"Xa temos confirmados programas dende tres centros de emisión. Un deles será a Facultade de Xornalismo de Santiago onde farán programación entre as dez e as dúas da tarde con programación con colexios de Santiago e arredores así como con alumnos da devandita facultade e da de Ciencias da Educación ademais de convidados", sinalou Veloso.

Entre eses convidados figuran o presidente da RAG, Víctor Freixanes; Tanxugueiras, Leo i Arremecághona, Deteriorados, Luis Caruncho, Susana Seivane e as gaiteiras Meniñas da Saudade.

Os outros dous puntos fortes de emisión serán o campus vigués da Universidade de Vigo con retransmisión a través da páxina web e, como terceiro, a Universidade de Braga.

Ademais, haberá emisións dende Radio Piratona e as emisoras locais e comerciais de Chaves, Tui, Monforte, CarballiñoRedondela, Allariz, Montalegre e Caminha, entre outras.