Ó longo do coloquio onte no Club FARO, María Xosé Porteiro aproveitou para preguntar a Xavier Castro pola maior presenza feminina no censo do poboación nalgunhas épocas dos dous séculos anteriores. Castro confirmou que así foi e ofreceu datos da "desfase. Chegaba a haber un 25% menos de rapaces que de rapazas nas aldeas", debido a que eles marchaban á guerra, emigraban ou tiñan oficios polos que se desprazaban.

Como consecuencia, había mulleres que non tiñan posibilidade de casar nunha época na que o matrimonio era case obrigación para as donas.

"Moitas tiñan preocupación polo que lles pasaría de maiores. Eran uns tempos nos que a supervivencia dependía do rigor físico", aclarou. Como consecuencia, podíanse ter bens pero se non había folgos ou forzas para traballalos, non había cultivo, non había comida e non había ingresos.

Todo iso contribuiu a que non fose difícil atopar mulleres solteironas que quedaban coa familia, na unidade de convivencia e produción. Hai que lembrar que, como indicaba Emilia Pardo Bazán, "a partir dos 23 anos poucas mozas e mozos quedaban fermosos" naquela altura, como lembrou Castro.

Outra opción era ter fillos de solteira. Aclarou que non se debía a unha revolución ou liberdade sexual senón que obedecía a un interese económico. A muller, cun fillo, asegurábase ter alguén que a coidara de maior.

En Galicia, indicou o investigador e profesor, acabou sendo aceptado o de ser nai solteira se ben "con estigma". Un exemplo desa marca foi a mesma Rosalía de Castro que sempre viviu con esa "negra sombra" incrustada. "Ela sente esa culpa, ese estigma", explicou Xavier Castro.