25 de febrero de 2020
25.02.2020
Faro de Vigo
Galicia:
Casos (total):
  9.827
Fallecidos:
 567
Recuperados:
 6.075
España
Casos (total):
 217.466
Fallecidos:
  25.264
Recuperados:
  118.902
Actualizado: 03-05-20 21:00h

Antonio García Teijeiro: "O primero que hai que facer para escribir ben é ler"

"Enfrontarse ao acto da creación é difícil. Empezo cada libro con ilusión e respecto", comentou o escritor, que agradeceu os murais sobre a súa obra na entrada dos colexios

25.02.2020 | 01:52
Antonio García Teijeiro co alumnado, directora e mestres do CEIP San Bartolomé de Vilanova. // FdV
FdV

"Abrazos das ondas. Ventiños do mar. Alá, no horizonte, caricias de paz". O escritor Antonio García Teijeiro, que percorre as aulas do proxecto FARO DA ESCOLA dende o inicio do mesmo hai cinco anos, repite cada verso co alumnado que o escoita atento, cos seus poemas sobre o vento, que viaxa polo mar, o sol, as árbores ou as estrelas. Eses ventos "falangueiros, mentireiros, bailadores..." dunha das súas obras publicada recentemente: "Vento, ventiño, venteiro" (Xerais),con ilustracións de María Lires. Os rapaces e rapazas do CEIP (Centro de Educación Infantil e Primaria) San Bartolomé, de Vilanova de Arousa, un dos centros educativos visitados polo autor nos últimos días, recitan os versos canda el. Primeiro baixiño. Logo máis alto. Así xogan escritor e alum nado coas palabras, coa entoación, cos matices...

"Sabedes cal é a palabra que máis me gusta a min?", preguntou García Teijeiro na xornada adicada aos colexios de Vilanova de Arousa. Os nenos xogaron a adiviñar e xurdiron na atmosfera da aula decenas de palabras que viñan á cabeza dos cativos. "A palabra palabra. Porque vivimos nun mundo de palabras", contestou o escritor, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil ("Poemar o mar"), con preto de 70 obras publicadas ao longo da súa traxectoria.

Nas entradas dos colexios de infantil e primaria, murais coa súa imaxe e versos de García Teijeiro pegados nas paredes, terminados, moitos deles, coa imaxinación dos pequenos e pequenas, nese exercicio de completar os versos ao que tanto lle gusta xogar ao escritor nas súas visitas aos centros educativos.

As preguntas dos escolares sorprenderon ao autor. No CEIP San Bartolomé, cuestións como: "Que hai que facer para escribir ben?" O autor propúxolles que pensaran eles mesmos ("saber as normas ortográficas!, pensar!, ir amodiño!, ter imaxinación!, crer en ti mesmo!"), pero ningún acertou. "Ler, ler é o primeiro que hai que facer para escribir ben. Sen lectura nunca haberá bos escritores e escritoras. Sen lectura, nada diso será literatura", engadiu o mestre das letras. "Eu, cando era pequeno, non lía. Faltábanme os libros, as palabras, os estilos. Tiña que atopar a miña propia voz e para iso son imprescindibles os referentes. Ata que empecei a ler e logo xa non parei", afirmou García Teijeiro, moi agradecido polos traballos realizados polo alumnado coa súa obra e polos afectos mostrados por escolares e profesorado.

"Cando te decataches de que querías ser escritor?", preguntou outro cativo. "Cando había cousas que non me gustaban e quería poñelas por escrito. Levo escribindo máis de 40 anos!", expresou o escritor vigués, un mestre tamén na arte de manter o ritmo da súa exposición con alumnado de Primaria. Porque García Teijeiro adicou tamén a súa vida á docencia. "Para ser escritor que escribe pensando en vós o primeiro que hai que facer é querervos. Porque aos nenos e nenas hai que darlles o mellor, non vale calquera cousa! Igual que para ser un bo mestre: se non te queren os alumnos e alumnas vai ser difícil", describiu García Teijeiro.

"E cal foi o libro que máis che custou facer?", preguntaron tamén os alumnos. Teijeiro contestoulles que ningún é doado. "Enfrontarse ao acto da creación é difícil. Empezo cada libro con moita ilusión e respecto", expresou. O autor combinou a lectura de poemas, con conversacións directas co alumnado e tamén sacou da súa maleta un monicreque moi especial que en cada charla, co seu traxe de mariñeiro que pesca palabras, conecta con cada neno e cada nena.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
FaroEduca