Cámaras 360, realidade virtual, efectos espectaculares, selfies imposibles e ángulos nunca vistos serán, un luns máis, protagonistas no prime time da Televisión de Galicia, cunha nova entrega de "Un país en 360", que emprega a tecnoloxía para achegar os espectadores ao patrimonio natural e monumental de Galicia e que nesta ocasión se visitará o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

A presentadora do programa, Estíbaliz Veiga, fará esnórquel nas Cíes, percorrerá Ons da man do seu último habitante e achegarase a pé ata a illa de Cortegada xunto a unha mariscadora. En Sálvora, revivirá o naufraxio do Santa Isabel, a maior traxedia marítima da historia de Galicia. 'Un país en 360' tamén descubrirá a explotación dos recursos do mar visitando unha batea e percorrendo as salas do Museo Massó de Bueu.

Por outra banda, o programa "Zigzag" remata a semana coa visita do escritor Xosé Ricardo Losada, gañador do Premio Viadutos de Novela 2019, convocado polo Concello de Redondela, con "A casa xunto ao volcán". A obra amosa, a través dunha adolescente, o pensamento crítico dunha sociedade en que a filosofía pode e debe ter un papel relevante e necesario.