Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Premios da Cultura Galega y Ceremonia de entrega en Vigo

Os premiados animan a traballar por Galicia "con primor" nos distintos eidos

O presidente subliña que os galardoados axudan a "enriquecer e universalizar a cultura galega" - Anuncia unha sede do CGAC na urbe olívica como "espazo de exposición e creación artística"

A gala de entrega dos Premios da Cultura Galega serviu onte na cidade olívica para reafirmar a petición do cantautor Amancio Prada (premio da música entregado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo) para que "cada un de nós na vida labremos con primor" a prol de Galicia, o seu pobo, a súa lingua, artes, música e demais eidos, unha demanda que subscribiron o resto dos galardoados nos seus discursos.

Nunha intervención sentida e fortemente aplaudida na que abundaron as súas cantigas, Prada recoñeceu que a el lle tocou "labrar os cinco sulcos do pentagrama" así como "sementar os versos para convertilos en cancións para compartir esas verbas que son de todos", en alusión ás creacións dos primeiros trobadores galegos, Rosalía de Castro, Celso Emilio, Cunqueiro...

Tivo tamén un momento de lembranza para a 'voz ceibe' e promotor musical xa finado Bibiano Morón. "Algún día, teriamos que facerlle unha homenaxe", defendeu, ratificado polo público cun aplauso.

Non foi a única figura senlleira lembrada. O académico da RAG e Premio da Cultura Galega na modalidade de Letras Xesús Alonso Montero (a quen lle deu o galardón o presidente da RAG, Víctor Freixanes) adicou a súa distinción -entre outras persoas- a Isaac Díaz Pardo. Aproveitando a presenza do presidente da Xunta, plantexou recoñecelo polo centenario do seu nacemento (1920):"Teño a esperanza de que a Xunta aproveite o centenario que Galicia e o mundo aproveiten o legado inmenso e dunha riqueza extraordinaria que deixou Díaz Pardo. Neste momento, está ese legado nas mans da Xunta". No seu discurso, Feijóo deulle o seu compromiso.

No eido do patrimonio cultural, premiaron o proxecto de restauración do Pórtico da Gloria, entregado por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega. Recolleróno o presidente da Fundación Barrié, José Arias Mosquera, mailo presidente da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo.

Arias Mosquera resaltou a importancia da figura do mecenas pola "aportación de fondos e pola implicación e compromiso cos obxectivos dos proxectos".

Engadiu tamén que "a Fundación Barrié sempre realiza os seus proxectos tratando de potenciar outras forzas que son vitais para a nosa sociedade". Non esquezou tampouco calificar de"dobre honra o premio por recibilo da máxima autoridade política de Galicia e por compartilo coas persoas e institucións que o recibiron tamén".

Entre esas persoas, resaltou a Pilar Ponte. Esta profesora de Lingua e Literatura no IES da Póboa do Caramiñal -ademais de colaborada do FARO DA CULTURA- foi a impulsora da iniciativa "21 días en galego" que agora se estende a dez institutos do país nos que durante tres semanas os seus alumnos se comprometen a empregar o galego dentro e fóra da aula. Por iso, concedéuselle o premio da lingua, que lle depositou nas mans Susana López Abella.

Ponte indicou que "é importante convidar amablemente a tódolos galegos e galegas e as persoas de fóra a que lle dean unha oportunidade ao galego"; e que entre os seus soños estivo e está "que todos os galegos se sintan orgullosos da súa lingua". Ao mesmo tempo, animou a loitar para que "o galego estea en tódolos ámbitos da vida con normalidade".

O premio de proxección exterior foi para GalegoEnLondres que se lle outorgou á profesora Begoña González do Instituto Cañada Blanch en Londres e que recibiu de Mamen Quintas (da produtora Ficción). González deu agradecementos ao creador do proxecto, Xaime Varela; así como aos seus alumnos. Sinalou que "Galegoenlondres é orgullo polo enorme talento, risiliencia, da nosa xente na diáspora. Londres está cheo de galegos de inmenso talento. Galicia edúcaos pero non absorbe o seu potencial. Cómpre que todo ese talento retorne e se recoñeza".

Entregado por Santalices, presidente do Parlamento Galego, o galardón nas artes plásticas recaeu en Soledad Penalta quen defendeu que "a cultura é un produto que nos vai aportando melloras".

Pola súa parte, Marcelino de Santiago e Isabel Rey (Monicreques Kukas), coa súa alma de marioneta e corazón de poetas, recibiron o de artes escénicas que compartiron o premio "con todos os colegas que dende os anos 80 nos acompañaron na creación e consolidación do teatro con monicreques en Galicia e en galego". Como desexo, pediron A Casa dos Monicreques, unha especie de museo para ese vasto patrimonio.

Moi destacada foi a distinción no audiovisual para a serie "O sabor das margaridas", emitida inicialmente na TVG e que se convertiu na primeira en galego na plataforma Netlfix. Agora mesmo, está subtitulada alí a máis de 30 idiomas. O premio entregoullo o conselleiro de Cultura a parte do elenco e do equipo técnico de CTV (Ghaleb Jaber, María Mera, Eligio Rodríguez...). "Foi un reto e un exemplo chegar a Netflix. Esperamos que este bo efecto se traslade da serie ao sector", indicaron en el escenario.

Compartir el artículo

stats