A obra "Cartografías da narrativa galega contemporánea", de Xaquín Núñez Sabarís resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2019, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega. O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano.

O xurado valorou moi especialmente o achegamento ao discurso literario galego desde unha perspectiva aberta ao transmedia e a cultura de grande difusión. A obra revela dunha maneira anovadora e lúcida cambios repertoriais na produción galega a través do estudo do thriller xacobeo, a novela viguesa e o auxe da narcofición.

O autor Xaquín Núñez Sabarís é doutor en Filoloxía Hispánica e profesor asociado (titular) do departamento de Estudos Românicos da Universidade do Minho. Desenvolve a súa investigación no Centro de Estudos Humanísticos da Universidade do Minho, no grupo de investigación Identidade(s) e Intermedialidade(s).