Os nenos, os grandes protagonistas do Nadal, serán tamén as estrelas do programa Pequenos fenómenos, cuxa edición de 2019 comeza hoxe na Televisión de Galicia (TVG). Xosé Manuel Piñeiro volve á casa para presentar a primeira das tres galas do concurso. Con Lucía Regueiro como copresentadora, Víctor Bascoy como colaborador e oito fantásticos fenómenos estreándose ante as cámaras e dándoo todo como cantantes, o espectáculo promete.

Pequenos fenómenos é un concurso musical infantil que se desenvolve en tres galas consecutivas, en que 16 rapaces procedentes de toda Galicia competirán e sorprenderán a audiencia coas súas artes interpretativas. Nesta primeira gala participarán oito nenos, cada un deles cantará dous temas e o xurado decidirá que catro pasan á final.

Os valentes participantes, todos menores de doce anos, interpretarán os seus temas coma auténticos artistas para demostrar a súa valía no escenario, diante das cámaras e dun público entregado e co apoio das súas familias e amigos. Todo cun fin solidario, xa que os premios que o programa repartirá en metálico irán destinados a distintas entidades con fins solidarios. O gañador, segundo e terceiro clasificado recibirán un premio de 2.000, 1.000 e 500 euros, respectivamente, e serán os encargados de elixir a que asociación solidaria se destinan.

Na primeira semifinal de hoxe, oito cativos competirán por catro prazas na gran final, que se celebrará o 4 de xaneiro. Os concursantes cantarán dous temas cada un, baixo a ollada crítica dun xurado composto polo cantante de música tradicional Davide Salvado, a actriz e cantante Eva Iglesias e a cantautora e compositora Sofía Ellar, que actuará no programa. Con dous discos autoproducidos ás súas costas en só dous anos, estase a converter nun fenómeno como artista.

Por outra banda, Lucía Rodríguez e Juan Fuentes, do programa "Aquí Galicia", transmitirán o ambiente que se está a vivir en Pontevedra e agardará a chegada do Apalpador para realizar unha visita pola súa zona vella.