Despois de "Somos criminais", "Unha tarde de praia" e, máis recentemente, de levar a escea con notable éxito a adaptación de "Fariña",o actor Xosé A. Touriñán (Culleredo, 1980) regresa a Vigo. Será para o xa clásico "Noites de retranca", que chega ao seu décimo aniversario e programa un especial de Nadal a dúas bandas, xunto co humorista Oswaldo Digon. Será o próximo xoves, 26 de decembro (Auditorio Mar de Vigo, 21.00 horas).

-En serio se vai atreve ra vir a Vigo en Nadal logo de facer o anuncio das luces de Marineda na Coruña?

-Por suposto, ademais o alcalde está convidado. Abel Caballero compárase con Nueva York e con Madrid, e o resto, comparámonos con Vigo que é referencia en dar luz. E iso tamén encaixa coas velas deste décimo aniversario de Noites de Retranca. Vigo paréceme unha praza marabillosa á que lle teño moito cariño. Tamén á noite viguesa. Non é a primeira vez que conto que cando fixen "Amigos ata a morte", por primeira vez sentín algo moi especial en Vigo que nunca vivira antes enriba dun escenario.

-E repetiuse con "Fariña"?

- Si. Duplicouse a sensación. Cando prenden as luces e ves no teatro García Barbón a xente en pé, desde o patio de butacas, pisos e pisos arriba... Emocionoume e tereino sempre no recordo. Non estaba preparado nin nada, pero no aplauso final convidamos a subir as nais de Érguete e todo o mérito desa lembranza o ten a xente de Vigo.

-O reto de cubrir o aforo do Mar de Vigo nesas datas complicadas, impón?

-Non teño claro que sexan datas complicadas, porque hai máis xente nova con tempo libre. E porque ademais de pasear e pasar algo de frío, meterte despois no teatro sempre é unha gran opción de lecer.

-É un espectáculo de monólogos pero, haberá algún diálogo entre ambos artistas?

-Oswaldo e mais eu imos intentar estar xuntos o máximo tempo. Aínda que cada un teña o seu espectáculo, imos probar a facer cousas entre os dous que non pasaron nunca. Algún xogo de improvisación, ademais dos nosos monólogos e poder intervir un no espectáculo do outro; é dicir, facer algo nunca visto e especial que ocorra so ese día en Vigo.

-Cando o volveremos ver na televisión, ou decidiu so facer teatro por unha tempada?

-O máis bonito da nosa profesión é que facemos de todo. Eu traballo en todo. Tamén é certo que no teatro nós o producimos, o curramos e facemos o que queremos, coa liberdade de facer o que nos da a gana. Montamos sen que ninguén che diga 'isto non o menciones' ou 'coidado, isto non o metas'.

-Tamén anda en Netflix.

-Si. En "El desorden que dejas", que estamos gravando para Vaca Films en Galicia, case todo en Coruña pero tamén en Ourense e Lugo. Sigo con "Fariña" e algún espectáculo de monólogos como o que me levará a Vigo.

-E para cando a volta á televisión?

-O da televisión... depende deles. O problema que eu tiven na tele foi un problema persoal meu con eles, porque non sei se queren que estea. A min deume a sensación de que non querían. Fastídiame. E sei que volverei, porque a TVG é a miña casa e voltarei. Pero chegou un momento no que me deu esa impresión... Entón, decidín adicarme a facer as cousas que me gustan e onde controlo eu se podo ou non o podo facer. Así que estou moi metido no mundo do teatro, onde non se pode dicir "corten, imos a repetir". Encántame o directo e o que non ten volta atrás. Gústame ese rollo de cruzar a corda sen rede. Desfruto moito.

-Grazas pola sinceridade. Pido que empregue esa máxima de novo para contestar a esta pregunta: que lle vai pedir ao Apalpador, Papá Noel ou aos Reis Magos?

-Eu son de todos, porque teño cativos na casa. Pido todo o que eles queiran, o que Antía e Andrés pediran nas súas cartas segredas, e que a nivel persoal e profesional siga todo como está. Pido que nos escoitemos máis, a nivel xeral. Que nos sentemos a escoitar, non a falar. E xa que estou e podo pedir no FARO de Vigo, que quizais teñades man... é que nos empece a ir ben ao Deportivo da Coruña. Que se nos quite este mal fario que temos enriba.

-Pois por aquí tampouco vai moi ben...

-O voso problema [en alusión ao Real Club Celta] ao lado do noso non é nada. Vós non sabedes onde estamos metidos!