Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Jorge Coira: "Os galegos estamos deixando de pensar que somos uns pringaos"

"Algún dos personaxes da primeira parte de 'Hierro' non van estar porque imos matalos", adianta o cineasta lucense, que ten novo filme nos cinemas

Jorge Coira (centro), co equipo de "Erosqui-Paraíso", con Cris Iglesias (1e.) e De Lira (2e.). // Numax

"Eroski-Paraíso", a obra de teatro de Chévere que chegou a máis de 30.000 espectadores, estrea nova vida no cinema reinventada da man de Xesús Ron e Jorge Coira. Este último -cineasta de Lugo que anda tamén argallando a segunda parte da exitosa serie "Hierro"- achegarase o día 23 a Vigo a partir das 20.20 horas para presenta-lo filme nos Multicines Norte onde xa se pode ver. A película presenta a historia de Eva (Patricia de Lorenzo) e Antonio (Miguel de Lira), un matrimonio divorciado cunha filla licenciada, Alejandra (Cris Iglesias), que decide facer unha película sobre eles. Nesa ollada entre o pasado e o presente, o escenario do documental e do filme é o supermercado Eroski onde traballa Eva e onde coñeceu a Antonio cando o local era a discoteca Paraíso.

- Cal foi o primeiro paso para facer cinema esta peza teatral?

-Eu fun ve-la obra en Santiago e moveume moito, fascinoume. Sempre me gustaron moito os Chévere; pero, con esta obra, teño a sensación de que deron un paso adiante. Á saída da función, estivemos con Miguel de Lira falando. Xurdiu esa idea de facer unha película, pero sen detallalo. Na obra de teatro, a cámara que grava a película non se ve; somos os espectadores os que a imaxinamos. Sen embargo, eu optei no filme por ver todo o rato esa cámara que o personaxe de Cris utiliza para face-la rodaxe. Así, vemos tanto cando a cámara grava como cando está a descansar. De feito, a película comeza amosando cando os cámaras empezan a manexa-la cámara, sen obxectivo, sen lente. Esa foi a primeira idea forte. A segunda: face-la rodaxe a dúas cámaras para aproveita-la cámara partida e facer unha especie de xogos de espellos coa cantidade de dualidades que aparecen na obra, empezando polo propio título "Eroski-Paraíso".

- Fala de que a historia move cousas por dentro nos espectadores. No inicio, Eva di: "Hice lo que tenía que hacer", é dicir, casar co rapaz que a deixara embarazada con 19 anos. Realmente, fala unha parte da sociedade galega.

-Era unha cultura que estaba moi implantada e, en certa medida, segue. Esa opinión do personaxe reflicte unha forma de ve-la vida. Foi un dos elementos que máis me atrapou da obra de teatro: a partir dunha historia dun matrimonio, contar unha historia global e a evolución dun pequeno lugar do planeta durante as últimas décadas.

- Tamén lembran as persoas que, a causa da droga, "quedaron polo camiño" e as súas familias.

-Como moitos dos temas que se tratan na obra, non se lle intenta explicar ó público que debe sentir nin pensar, non se lle dá un xuízo moral, senón que se trata con certa coña (o flirteo inicial coas drogas) nun momento, logo véselle outra cara... É un reflexo complexo para que o espectador teña a súa propia opinión sobre a traxedia que vive un dos personaxes.

- Na declaración de intencións da cineasta protagonista, interpretada por Cris Iglesias, menciónase o desexo de ofrecer unha crónica do desarraigo, é dicir, unha crónica de Galicia.

-Si, si, temos unha sociedade moi emigrante e iso xera desarraigo. Podes vivilo de moitas maneiras diferentes. Podes vivilo de forma máis ou menos tráxica, inda que tamén pode traer cousas positivas, por outro lado. É unha realidade complexa. Pero é importante pór no punto de partida a alguén que pasou toda a súa vida fóra de Galicia e que ten claro que as súas raíces son de aquí. Ela fala en galego porque lle aprenderon os pais e volve e coloca a ollada sobre os pais para intentar conta-la evolución.

- Dista moito a sociedade galega de agora da de hai 30 anos?

-Si, creo que cambiou moito. En certos aspectos, para ben. O nivel de educación é superior. Creo que se está perdendo esa autoxenreira de pensar que somos uns pringados. Agora, hai moita xente que ten unha visión moi internacional sen grandes aspavientos, amosando que se pode vivir en Galicia e facer cousas para todo o mundo. Pero segue habendo un problema económico severo, seguimos moi atrasados a nivel económico.

- Nun momento do filme, a cineasta sinala que a nosa opinión é determinada por un equipo de marketing.

-Hai unha certa mercantilización da vida e iso pasa en Galicia e en Occidente. O poder do diñeiro é salvaxe. En moitos casos, en vez de ir a menos vai a máis e iso paréceme preocupante.

- Contáronme que a semana pasada andou por Canarias preparando a segunda parte de "Hierro".

-Está arrancando a preparación e xa estamos metidos niso.Agora volvo a Santiago para estes días acompaña-la película de Eroski porque na primeira non puiden.

- Sen desvelar moito, que nos pode adiantar?

-(Gargallada) Témome que non moito. Espero que a quen lle gustou a primeira parte, lle guste esta segunda.

- Sorprendeulle o éxito?

-Eu diría que si. Eu confiaba porque era unha serie feita con alma. Gustábame a historia que contabamos. Pasaba que na rodaxe había esa sensación de estar facendo algo especial pero eu pensei que non ía chamar tanto a atención. Pensaba que ía funcionar pero non que levara tantos recoñecementos e entusiasmos. Foi sorprendente.

- Quizais a clave foi a magnífica interpretación dos actores

-Eu creo que é unha mestura de moitas cousas. O guion non ofrece xiros sorprendentes pero é honesto e a historia trata os espectadores como seres intelixentes. Provoca un xogo co espectador polo que ten que ser activo. Iso é esencial. Creo que se plantexou ben o traballo actoral e reparto. A fotografía e posta en escena, son, música, montaxe... estivo na mesma liña e tódolos elementos confluíron na mesma dirección.

- Van se-los mesmos actores?

-Moitos si e algún por cuestións obvias non van poder estar porque... imos matar xente (risas). Hai personaxes novos que non podemos adiantar.

Compartir el artículo

stats