A plataforma Vigo Industrial (www.vigoindustrial.com) fai un chamamento para seguir catalogando e difundindo o patrimonio industrial da ría de Vigo. Por iso, veñen de lanzar unha campaña en Verkami para recaudar fondos e así proseguir co seu proxecto.

De momento, xa conseguiron 634 dos 1.600 euros necesarios que precisan para paga-lo dominio da internet durante os vindeiros tres anos, paga-los impostos máis comisións bancarias e elaborar e remiti-las recompensas. As aportacións abranguen contías dende os oito ata os 125 euros.

Os impulsores da iniciativa destacan que "o noso é un proxecto colaborativo de catalogación, difusión e posta en valor do Patrimonio Industrial dos concellos da Ría de Vigo.

As súas principais accións consisten na elaboración dun catálogo web mediante fichas individualizadas de cada edificio con fotos, planos e outro tipo de información documental como a súa situación urbanística historia ou descripción arquitectónica.

Entre a xente que colaboren (aportando entre oito e 125 euros), como recompensa, facilitarán unha serie de serigrafías a cargo de David Amoedo das fachadas de La Metalúrgica ou Massó, entre outros; debuxos, camisetas, bolsos, mochilas.