"Como todo na vida, sempre hai unha parte boa e unha parte mala. Nós dicimos que da parte boa se disfruta e da parte mala se aprende. Por iso, vén o contrapunto. Unha parte necesita da outra. Como todo o mundo pasou por algunha situación de amor, desamor, opresión ou liberdade, queriamos representar o que é a vida. Quen escoite o disco, vaise sentir representado con, alomenos, unha canción". Así, presenta Olaia Maneiro, unha das tres partes de Tanxugueiras o seu novo álbum, "Contrapunto", o segundo da banda.

"Queriamos -engade AidaTarrio- que o título representara o que hai dentro do disco". "En cada tema, hai unha parte boa e unha parte mala", engade sentada no escenario da Sala Rebullón, Centro Cultural As Pedriñas, en Mos (Pontevedra) onde actúan este venres 29, a partir das 21.30 horas; e no Culturgal de Pontevedra o sábado ás 18.30 horas.

Esa confrontación de forzas tamén se plasma na portada de Soniña García (do selo Illa Cromática), cunha corva como protagonista do bo e do malo. Postas a falar de imaxe, a seguinte pregunta na conversa versa sobre o vídeo do seu primeiro single, "Perfidia". "O primeiro single tivémolo claro dende que fixemos a primeira canción, non sei por que", plantexa Sabela Maneiro. "Porque é pegadiza, porque move masas", resposta Aida.

No vídeo, amosan a súa faciana máis salvaxe. "Si, a canción fala da deslealtade que sofre unha na vida, por unha amizade, pola familia. Trata desa dor que che dá ó sentirte ferido. Queriamos amosar esa ira rompendo un coche", explica Olaia Maneiro.

Deste xeito, escachan coa imaxe de nenas boas de anteriores vídeos. "Xa estabamos fartas de dar esa imaxe. Nós somos unhas rapazas que se teñen que queimar un coche, quéimano. Queriamos que se vira ese empoderamento", explica Sabela. "Vimos pisando forte e vai haber que loitar moito para botarnos fóra do panorama musical tradicional", engade Olaia.

O premio MIM (da música independente polo seu anterior e primeiro disco) supuxo moito para elas "e para todo o pobo galego vencellado á música tradicional. Que un disco en galego de música tradicional gañe o premio a mellor álbum galego de música independente é un orgullo", defende Aida.

Para este disco, as rapazas contan con senlleiras colaboracións como a de Edelmiro Fernández que toca a gaita en "Autocracia" e a de José Manuel Díaz que toca o contrabaixo en dúas pezas. Outra persoa á que lle están agradecidas é Isaac Palacín (Matto Congrio, Berrogüetto) que se encargou dos arranxos da percusión, gravou e fixo as mesturas no seu estudo de gravación en Cangas.

Desta volta, Tanxugueiras fixeron de produtoras do álbum. "Para nós, era moi importante demostrar que unhas pandereteiras poden producir o seu propio disco. Hai que deixar de pensar que as pandereteiras non teñen estudos musicais e que só poden tocar a pandeireta, berrar e botar catro aturuxos", conclúe Sabela.

De tódolos temas, a historia detrás de "Autocracia" chama moito a atención. "É unha peza tradicional recollida que tocaron outros grupos co nome de 'O paseo'. Din que lla recolleran a unha señora que fora ó cárcere visita-lo seu marido e que escoitara esa canción. A prisión estaba chea de presos políticos. Era a época da ditadura, cando paseaban a xente para matala. Nesta canción, hai letras tradicionais (obtidas do "Cancioneiro da Baixa Limia" ou doutras fontes como o programa "Alalá" da TVG) e outras que fixemos nós. Leva uns toques de percusión que me poñen a pel de galiña", explica Olaia. "Só 'Perfidia' é un tema dunha mesma recollida musical, dun mesmo sitio. O resto son melodías de diferentes partes de Galicia entrelazadas con outras que se nos ocorreron a nós", apunta Aida.