Manolo Bragado (Vigo, 1959) ten o pasado inzado de lembranzas que arrecenden, de recordos que sempre parecen acariñados polo sol inda que falen da néboa. O neto do carpinteiro Suso Beleiro e da vendedora Maruja que se colaba no cinema Disol das Travesas para ver as películas estréase como escritor de libro en Xerais. Quen o diría da persoa que dirixiu que plumas enchouparían a tinta dos libros da devandita editorial dende 1994 ata 2018. O seu primeiro libro leva o título "Vigo, puro milagre", collido de prestado a Celso Emilio Ferreiro e que presenta unha escolma dos artigos publicados en FARO DE VIGO nos últimos anos. Agora, aparecen xuntiños como un exercicio de memoria, xornalismo e historia.

-É curioso que despois de capitanear Xerais do ano 1994 ó 2018, este sexa o seu primeiro libro. Tanto tempo de espera foi por pudor, falta de tempo...

-Durante todo ese periodo de 28 anos da miña vida adiqueime ó labor de editor. Ese foi o agasallo que me deu a vida, comunicar os textos doutros e non os meus. Sen embargo, durante 20 anos, publiquei nas páxinas de FARO DE VIGO "Campo de Granada" e esa é a miña contribución escrita a ese periodo. Agora recollemos unha pequena escolma dese traballo que ten moito da miña visión como editor. Trátase dunha ollada de gran angular sobre a sociedade e focalizada en Vigo como a primeira patria e espazo para construí-lo futuro.

-Agora, é coordinador nos colexios de Laredo e Cedeira (municipio de Redondela). Non bota de menos a editorial?

- (Risos) Indubidablemente, é inevitable ter saudades daquel oficio, do espazo e das persoas coas que compartiches tantas ansias, tantos soños... A verdade é que tamén descubro e aprendo cousas novas, algo que me ilusiona é compartir traballo con persoas máis novas ca min, das que aprendo.

-Ledicia Costas compara o libro cun "ceo nocturno onde explotan mandalas de cores". Vostede por que cre que gustan tanto os seus artigos?

-Os artigos sempre están escritos en primeira persoa. Nestes 20 anos , decidín crear unha voz que comunicase afecto e proximidade. Ó mesmo tempo, pretendín como editor pero coa mentalidade de profesor que os meus textos puideran ser utilizados en calquera aula, sempre coa intencionalidade didáctica de axudar a entende-lo tema que se trata. Para iso, hai que documentarse e reinventar o xénero da crónica, que era o que eu pretendía dende o xornalismo literario e de opinión. Achegarse á mirada do local cun grande angular é difícil, require mesura e firmeza. As miñas opinións, nalgúns momentos, molestaron ós responsables locais das alcaldías.

- Quere dicir que ás veces se sentiu criticado e presionado dende fóra?

-Creo que tiven a fortuna de exerce-la opinión dende unha posición independente e modesta. Eu son de pensamento nacionalista e de esquerda; pero, desde 1992 que abandonei o PSG-Esquerda Galega non militei noutro partido. É complexo mante-la independencia pero é un valor da cidadanía. Houbo moitos artigos complicados e sempre contei co respaldo da empresa e a dirección do periódico. A miña columna existe grazas a Ceferino de Blas, Juan Carlos da Silva e a Rogelio Garrido, directores do FARO; e tamén grazas ó cariño de Jesús Portela. Eles foron os meus cómplices neste espazo en lingua galega.

- Vostede pensa que a liberdade de expresión está en perigo neses momentos?

-A liberdade de expresión está sempre en perigo se ós cidadáns os privan dos dereitos de exercela. Hai posicións políticas que se viven nestes momentos que son para estaren preocupados porque defenden cercenar eses dereitos. Tamén hai outra forma de pór en perigo a liberdade de expresión que é a autocensura pola presión que se exerce sobre as persoas que publican os textos. É un puxilato que hai que manter.

- Leva 1.000 artigos de "Campo de Granada" e neste libro recolle uns 75. Lin que vostede ofrece neles "unha teoría de Vigo", unha "guía sentimental" polo que é a cidade.

-Nesta columna, botei man da memoria familiar, da miña infancia, da miña familia que está en Vigo dende hai cen anos. Nós somos emigrantes, meu avó era un emigrante zamorano trasladado á cidade en 1919. Tamén teño familia do Val do Fragoso. Eles foron as miñas fontes de memoria.Eu, dende hai 20 anos, busco unha definición do que é a identidade da cidade. As mellores aproximacións fixéronas os poetas. Otero Pedrayo falaba do famoso Vigo periurbano. Ese é o meu Vigo, o Vigo rebelde e dinámico no que naceu Siniestro Total. É a cidade do automóbil. Hai poucas cidades que saiban facer automóbiles e libros; Vigo é unha delas pero estamos vivindo unha modificación dese modelo de cidade. A contribución deste libro é abrir un debate sobre o que debe ser o Vigo do futuro; é unha das miñas intencións.