A lectura do xa célebre "Eu son Balbino, un rapaz da aldea?" deu o sinal de inicio dunha nova homenaxe a Neira Vilas que tivo lugar en Gres, Vila de Cruces (Pontevedra). Alí, fíxose a lectura pública e continuada de "Memorias dun neno labrego" pero tamén se procedeu a entregar o Premio de Novela Curta Xosé Neira Vilas .

Nesta cuarta edición recaeu no escritor de Ribeira (A Coruña) Antonio Piñeiro pola novela "Esca". O xurado destacou dela que "crea unha atmosfera de tensión narrativa ata chegar a un final explosivo e iluminador." ademais de subliñar "a riqueza léxica e a creación dun escenario histórico crible".

Antonio Piñeiro acada este galardón cando xa ten tras de si unha sólida traxectoria literaria. Conta xa con premios como o Torrente Ballester ou o García Barros.

A edición da obra premiada estará a cargo de Embora, que xa se ocupou de achegar ao público lector as outras tres novelas premiadas neste certame: "Diario de Brian", o chinés, de David Daniel Vázquez Álvarez; "O home de negro", de An Alfaya; e "Detrás dos perdidos", Pedro Rielo.