"O mérito de Castelao está en ser unha figura moi valente, que nace nunhas circunstancias moi desfavorables: vaise convertendo en autodidacta, en cultivador do galego e en valedor do pobo galego", indica o historiador Miguel Anxo Seixas, autor de máis de 1.300 páximas da biografía monumental de Castelao -concibida case coma un diario- na que se recrean os fitos máis poliédricos da súa cronoloxía persoal e pública: o debuxante, o pintor autodidacta, o médico entregado, o ilustrador que se vale dos debuxos de humor para concienciar os galegos, o funcionario, o profesor, o membro das Irmandades da Fala, o escritor e artista...

O historiador Miguel Anxo Seixas -redactor e guionista da TVG e coordinador do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG)- presenta hoxe na hemeroteca da Escola de Artes e Oficios de Vigo (20.00 horas) o primeiro de tres volumes sobre a biografía desa figura capital galega, xunto ao escritor e ensaísta Xosé Luis Méndez Ferrín e o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro. Entre os capítulos, tamén destacou a "grande repercusión" que tiveron as "Cousas da vida" en FARO, diario co que Castelao colaborou en dúas épocas diferentes. "Foi onde tivo máis lectores e onde colleitou unha empatía co público que so antes se dera con Rosalía", destacou.

Seixas considera a súa obra biográfica unha "adaptación de tese aumentada" en ton divulgativo, aínda que é a labor de toda unha vida de investigación e documentación. Unha biografía dende 1886 ata 1930, que vai desde Rianxo, a Pampa arxentina, Compostela, Madrid e finalmente Pontevedra. "A dificultade estivo en recompoñer as pezas do naufraxio", comparou Seixas, en relación a imaxe parcial que de Castelao que deixara o franquismo, reducido ao humorista gráfico e debuxante. De feito, ata os anos 80 non se recuperaría a súa vertente política.