Este domingo emítese a segunda entrega do programa da TVG "Embarcados", programa dirixido e presentado por X.H. Rivadulla Corcón que pretende amosar o traballo e a vida dos mariñeiros a bordo dos barcos e como se realiza cada traballo nas distintas artes de pesca. Esta semana os televidentes coñecerán a arte da volanta. Esta é unha arte enmalle que consiste nunha rede que se larga e nos extremos leva uns rizóns para deixala fondeada e fixa no fondo mariño. A través desta arte péscase, fundamentalmente, pescada.

O Brisas de Cedeira conta con cinco tripulantes, todos eles de Cedeira. O patrón é Ángel González, quen sabe moito desta arte porque está relacionada co traballo da súa familia desde fai moitas xeracións e, ademais, o seu fillo, Álvaro González, tamén forma parte da tripulación e axuda o seu pai na ponte. O terceiro membro é Toniño Miranda, encargado de vixiar o motor e que a rede se largue ben. Outro tripulante, ademais de mariñeiro, é o cociñeiro que prepara o xantar para o resto do grupo, David Pérez; a súa misión é desmallar o peixe da rede e cociñar. E é certo que os seus compañeiros aprecian moito a comida que el fai. O último compoñente da tripulación, pero non menos importante, é Gorka Hernández, que coida que o aparello non se líe ao subir. Ademais, considérase o mellor mariñeiro madrileño do mundo, xa que naceu en Madrid pero vive en Cedeira desde os once anos. Este afirma que, probablemente, lle guste tanto o mar porque comparte o seu traballo con esta tripulación en concreto.