17 de octubre de 2019
17.10.2019

Teijeiro: "A violencia pode presentarse de mil maneiras, en forma de pobreza ou desigualdade"

O Premio Nacional de Literatura Infantil saca do prelo con Galaxia novo libro, "Bicos e non balas"

17.10.2019 | 01:41
Antonio García Teijeiro e a ilustradora Bea Gregores, co novo libro. // Alba Villar

Cal é o contrario da paz? O Premio Nacional de Literatura Infantil Antonio García Teijeiro teno claro: a violencia en tódalas súas dimensións. "Esta pode presentarse de mil maneiras en forma de pobreza ou de desigualdade. A emigración tamén é violencia cando é forzosa, como no caso das pateiras que se converten en ataúdes no mar. Violencia é a falta de tempo das nais e pais para atender os nenos debido a unha desigualdade social que cada vez é máis grande. É violencia porque te empurra a que sexan marxinados co tempo", aseveraba onte taxante o escritor. Precisamente, Teijeiro procurou co seu último libro "Bicos e non balas" que os nenos reflexionen sobre todo isto a través dos seus poemas.

A presentación da obra, editada por Galaxia, tivo lugar onte no Concello de Vigo. O alcalde, Abel Caballero, explicaba que serán repartidos 1.000 volumes entre os colexios da cidade co fin de que "cada vez, haxa unha maior querencia pola lectura".

Tralo encontro cos medios, o autor dialogaba con FARO sobre a obra e o que debe procurar a literatura: "Reflexionar e compartir. Dar motivos para falar e para pensar. Se un libro non me fai pensar, non me interesa".

De aí que este libro -unha compilación de poemas dos últimos 30 anos de autoría de Teijeiro- sexa unha obra necesaria nas aulas e nas casas, onde se debe educar na paz, na non violencia.

O autor aproveitou a conversa para descubrir a procedencia do curioso título, "Bicos e non balas" que presenta lembranzas á música de Luis Eduardo Aute. "Cancións como 'Con un beso por fusil" ou "Besos como balas' quedaron no meu inconsciente e cando estaba a procura do título, elixín 'Bicos e non balas', toda unha declaración de intencións".

Para García Teijeiro, esta obra é un "traballo fantástico" grazas ás ilustracións de Bea Gregores. "Se fose outro tipo de ilustración, engadiu, sentiriame decepcionado. Ela puxo a súa ollada sobre os poemas".

A ilustradora -que ofrece en "Bicos e non balas" o seu primeiro traballo editorial, segundo desvelou Francisco Castro, director xeral de Galaxia- inspirouse na obra de Picasso e Modigliani para transmitir "tristura" pero ó mesmo tempo a arela de querer "saír adiante".

Preguntada sobre se tivo sempre clara a liña estética coa que ía desenvolver o proxecto, Gregores -licenciada en Belas Artes e cun máster en álbum ilustrado e animación audiovisual- respostou afirmativamente: "Dende o primeiro momento. Quería que fose algo con estética infantil pero non ñoño ou demasiado obvio. Quería que tivese influencia de pintores de renome e fose máis serio porque estamos a tratar temas serios. Quixen darlle seriedade e moita dor ás imaxes".

Para García Teijeiro, a reflexión realizada pola ilustradora é "interesante porque ten a mesma concepción que teño eu para escribir poesía. Eu escribo poesía igual para os nenos ca para os adultos, dende o punto de vista do respecto e da non ñoñería. Os nenos non están para infantilizalos, senón para que medren para dentro".

Para facerse a idea do especial que é esta obra -cunha edición esquisitamente coidada- paga a pena lembrar os primeiros versos do poema "I can see through your masks" (Podo ver a través das vosas máscaras) onde García Teijeiro expresa: Combate/ Primeira fila/ Os nenos corren e corren/ non polo patio da escola/ nin polo branco da area".

Para a ilustradora, o poema ten un engado especial. "Fala de como os nenos non teñen que estar coas armas, senón pasándoo ben. A primeira imaxe que me viu á cabeza foi a mariquitilla coa que xogas de pequena. Encantoume a imaxe do sangue sobre ese xogo", coa que convida a reflexionar sobre como se esnaquizan infancias.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
FaroEduca