"Ribeiras de Salitre" achégase esta semana a Cedeira, que habita entre a contradición da xenerosidade do mar e a adversidade da súa bravura contra os seus imperturbables cantís. A confraría conta con 180 asociados e destaca o importante facer dos percebelleiros, a forma dialectal que utilizan na zona para denominar os percebeiros.

Un percebelleiro con moitos anos de experiencia é Antonio Tojeiro, que traballa só, cousa pouco habitual. O programa tamén estará co percebelleiro e músico Serxo Cés, que chegou a Cedeira hai tres décadas e construíu alí a súa vida.

Ademais, X.H. Rivadulla Corcón estará con Arancha Bouzas, que traballa de peixeira da tenda da lonxa; co patrón maior de Cedeira, Eduardo González; co mariñeiro José Ramón Blanco, que explicará cal é a relación con este mar e como se traballa, e coa mariscadora Pilar López, que contará como se creou en 2009 a primeira reserva mariña de Galicia para o marisqueo a pé.