Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

CLUB FARO | De Gabriel: "Marcela casa embarazada con Elisa e aí ábrense varias hipóteses"

O catedrático contacta con descendentes do matrimonio de mulleres galego en Arxentina, onde fuxiron en 1902 co bebé - "Foi unha historia con repercusión mediática en España e Portugal"

Asistentes á charla coloquio sobre Elisa Marcela, amigas e amantes. // R. Grobas

O 8 de xuño de 1901, moi cedo pola mañá, casaron na igrexa coruñesa de San Jorge, Elisa Sánchez (A Coruña, 1862), 'convertida' en Mario, e Marcela Gracia (Burgos, 1867). Unhas horas máis tarde o fotógrafo José Sellier fíxolles unha foto como marido e muller que pasaría a historia sen elas sabelo. Así comeza a biografía máis coñecida de Marcela e Elisa, o primeiro matrimonio "sen home" -como titulou a prensa-, en España. Pero o catedrático de Historia da Educación, Narciso de Gabriel afondou tras 15 anos de investigación nas vidas desas dúas mulleres, chegando a atopar descendentes en Arxentina. "A prensa portuguesa dixo que Marcela tivo unha rapaza "guapa e forte" a noite de Reis de 1902. É dicir, Marcela casara xa embarazada", aclara o investigador. "Non hai fontes que me permitan documentalo e ábrense varias hipóteses, pero para min a posibilidade con máis peso é que o embarazo fora deliberado, para dar maior credibilidade a ese matrimonio en aparencia 'heterosexual' ", explica o autor.

De Gabriel acaba de publicar un libro que tamén se presentará en Vigo proximamente "Xosé María Álvarez Blázquez, mestre republicano" (Vigo, Galaxia, 2019). Na conversa sobre Elisa e Marcela onte, De Gabriel estivo acompañado polos catedráticos de Filosofía, Mercedes Oliveira, e de Historia Contemporánea, Xavier Castro, que contextualizaron a importancia social dese primeiro matrimonio gai de España.

"Foi cualificado como asunto ruidoso, escándalo pola prensa", introduciu Oliveira, amosando titulares de prensa de España e Portugal. "Os contratos de mestra daquela era moi esixentes coa súa vida privada: non podían andar con homes, nin fumar, nin beber, vestir con dúas saias... Eran o reflexo da moral da época" incluíu Mercedes Oliveira. Pola súa banda, Castro aludiu a 'cencerrada' como método veciñal de protesta nas aldeas documentada en ordenanzas municipais ata os anos 60 e que sufriron na súa casa en Dumbría Elisa e Marcela. Reflicte a "busca do orde establecido", engadiu.

Entre as novidades que achou De Gabriel nos últimos anos, "as máis entrañables proceden de dúas mulleres arxentinas, que me contactaron en 2015 e 2018", relata. "Unha delas fálanos da "tía Elisa": "Para nós, a tía Elisa representou a coraxe e a rebelión pouco común para unha muller do seu tempo. A nai desa 'confidente' tivo a oportunidade de ver a Elisa ao redor de 1940. Tiña un cancro que pronto acabaría coa súa vida, asegurou. A segunda informadora foi Norma Graciela Moure, que é bisneta de Marcela. "A través dela soubemos que a nena "fermosa e forte" que naceu en Porto na noite de Reis en 1902 chamábase María Enriqueta Sánchez, era filla de Marcela e de Adolfo Sánchez". Tamén precisa que logo casou con Manuel Saffores e tiveron dez fillos.

Retomando o comezo, ambas mulleres estudaran docencia e traballaran en escolas de Coristanco, Vimianzo e Dumbría. Para proseguir a relación, Elisa transformouse en Mario: levaba roupa de home, cortou o pelo,e deixou bigote.

Os tres poñentes destacaron a intelixencia de Elisa que, para darse unha nova identidade xurídica, presentouse como Mario a Victor Cortiella, o párroco, e confesou o seu desexo de ser bautizado -argumentou que vivira en Londres, rodeado de protestantes- e quería casar cunha moza da que estaba namorado e que estaba embarazada. "Unha vez aprendido o catecismo, o crego acordou bautizalo e despois casar con Marcela", referencian documentos como a partida matrimonial -aínda sen anular- aos que accedeu De Gabriel.

Sen embargo, a ousadía de volver a Dumbría como Mario e Marcela provocou a reacción veciñal. O peor chegaría por parte dos párrocos ao descubrir o engano. "O xuíz Pedro Calvo e Camina -pai do político Calvo Sotelo- acordou procesar ás dúas mulleres, decretou o seu ingreso en prisión e solicitar a súa busca e captura por autoridades civís e militares", ampliou De Gabriel. "A parella fuxiu en dirección a Oporto, onde viviron como marido e muller ata o 16 de agosto de 1901, día en que foron arrestados pola policía portuguesa a petición do español. Permaneceron no cárcere ata finais de mes e espertaron moito interese na xente de Oporto, que simpatizou coa súa desgraza", engade. Foron xulgadas e absoltas, aínda que tiveron que fuxir de novo para evitar a súa entrega á xustiza española. Escolleron Bos Aires. Pero xa non eran dúas, senón tres, coa nena. E na capital arxentina traballaron no servizo doméstico. Alí, en 1903 Elisa, chamada María, casouse con Christian Jensen, un dinamarqués 25 anos máis vello que ela e que logo a denunciaría por non consumar o matrimonio.

Compartir el artículo

stats