Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

"Santa" retorna ó berce da polémica

A escultura máis criticada de Francisco Asorey volta a Galicia tras case setenta anos fóra dela en Montevideo

A escultura "Santa" impón coa súa medida: 1,90 metros.// Xunta

Conta Maribel Iglesias Baldonedo, no seu libro "Francisco Asorey, escultor galego" (editorial Dr. Alveiros), que o escultor cambadés Francisco Asorey se anoxou tanto coa raíña Victoria Uxía polas críticas desta contra a súa escultura "Santa" que se negou a facerlle á monarca un retrato que lle tiña encargado.

Foi unha das moitas lanzas que persoeiros da época, nos rachadores anos 20, botaron contra a escultura que Asorey máis quixo na súa vida: unha imponente talla de madeira policromada de aproximadamente 1,90 metros de altura que amosa a unha muller do agro galego baixo o xugo dos bois e laureada coas follas dos carballos.

Esa escultura, que marchou no ano 1951 do peirao de Vigo nun barco cara o Uruguai, retornará o mes vindeiro ó seu berce galego de volta do exilio. Case un cento de anos despois de ser amosada en sociedade.

Esa presentación foi no ano 1926 na Exposición Nacional de Bellas Artes en Madrid. Agora, retorna de Montevideo -da Casa de Galicia, que a adquiriu ó autor no ano 1951- polas xestións da Consellería de Cultura.

Será unha visita breve de exiliada á terra para recibir, desta vez si, as honras na exposición "Galicia, un relato no mundo", a que será "a primeira grande exposición internacional do Xacobeo 21 que se inaugurará no Gaiás o 14 de novembro", resalta a Xunta nun comunicado.

A mostra está comisariada por Manolo Gago e na organización tamén participa a profesora Pilar Cagiao. Gato explica a importancia da peza: "É unha obra vencellada á imaxinería real galega, dos santos. Está elevada a unha realidade que ninguén se atrevía a mostrar na arte (daquela). El (Asorey) foi capaz de provocar unha auténtica sorpresa. Non é unha peza de arte contemporánea; é outra cousa. Naquel momento, sorprendeu ós críticos e ó mesmo tempo conmovía porque todo o mundo era capaz de entendela".

Engade que "'Santa' era tan provocadora" que, no ano 1928, nunha exposición en Vilagarcía de Arousa lle taparon o traseiro cunhas plantas.

"Era moi incómoda na época", engade porque "non era un espido convencional. Se amosara unha cara de escultura grega, non tería ningún problema. O problema foi que 'Santa' eramos nós, non era algo idealizado ou mítico, era a propia realidade dándote unha labazada".

Mais, alén da controversia, hai que preguntar pola importancia desta talla. "É unha estatua monumental que coloca de protagonista a unha muller humilde", responde Gago, para engadir máis adiante que "conmove e emocionar ó amosar unha icona "das mulleres traballadoras e esforzadas. Alguén o pode ler como a representación da propia Galiza na historia, a representación da Galiza sufrinte pero digna coa cabeza erguida", explica o comisario da mostra.

Alma "revolucionaria"

Manolo Gago tamén resalta que foi unha obra "revolucionaria" e da súa época. "Do seu tempo, engade, porque seguía as correntes simbolistas daqueles anos 20, esas mulleres que eran deusas, ó lado de árbores e elementos simbólicos. 'Santa' é iso e rompe con iso ó mesmo tempo. O elemento simbólico a carón do que está e que ela carga é un xugo de vacas ou de bois. As mulleres dos anos 20 representadas na arte eran mulleres moi estilizadas, lánguidas, o na liña de mater dolorosa. Ela é unha labrega atravesada polos traballos, polas penurias dunha vida intensa, co corpo dunha muller real. Iso, ata ese momento, raramente se vira. 'Santa' ten engurras, ten músculos poderosos de cargar, de traballar. Iso provocou unha enorme sorpresa".

Pode ter unha lectura contemporánea? Para o comisario, rotundamente si: "É un debate que segue actual porque continúa ó redor da representación da muller hoxe en día, por exemplo, a representación das modelos e das mulleres reais".

Compartir el artículo

stats