Tres pezas de teatro para nenos e non tan pequerrechos conforman "Lobísimo do saco. Tres titiritadas" (Galaxia), o último libro que vén de sacar do prelo o escritor morracense Bernardino Graña (Cangas, 1932). Foi a presentación desta obra onte na Casa do Libro en Vigo un acto de corazón, deses que se lembran con salgadura, con torta de queixo que o autor degustou con agarimo, velas sopradas e a canción de "Parabéns" en galego. Entre os aplausos, o autor de "Profecía do mar" cumpriu 87 anos e celebrouno dun xeito diferente.

Moi emocionado e contento, Bernardino Graña deu as "grazas" a todos por asistir. Ó seu carón, estaban preto dunhas trinta persoas, entre as que se atopaba xente coma o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes; os académicos Fina Casalderrey, Xesús Alonso Montero e Xosé Luis Franco Grande; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa; o artista Camilo Camaño; o escritor e profesor Ramón Nicolás ou a investigadora Malores Villanueva.

Esta última destacou do libro que está conformado por "tres pezas teatrais que estaban en revistas nos anos 70, e unha inédita, sobre as que estivemos traballando para que el as puidera ver en formato que el desexaba, en libro", explicou Malores Villanueva.

A investigadora, moi vencellada á Editorial Galaxia, resaltou tamén que "son obras con moito humor que tamén teñen unha lectura a maiores de facer reflexionar sobre o que é a perda da liberdade, sobre o que é unha ditadura. Ten moitos valores engadidos que eran actuais a finais dos anos 70 e que seguen sendo actuais no día de hoxe".

Pola súa parte, Alonso Montero que o personaxe de Don Perfeuto da peza "Sinfarainín contra don Perfeuto" era realmente Francisco Franco, o ditador, que na obra teatral representa o rol dun reloxo espertador "tirano, feito na Suiza".

Freixanes lembrou a faciana "festeira" de Bernardino pero tamén a súa poesía poderosa, especialmente a do libro "luminoso" "Profecía do mar". Tamén destacou a "enorme capacidade" de Graña para "empatar co público novo" achegándolles a tradición popular a través de historias e persoeiros.