Conseguir unha educación do século XXI precisa de cambios en cada un dos centros e executalos pode ser máis doado do que se pensa. Esta foi a idea principal que transmitiu onte o mestre Javier García quen defendeu que se debe ter unha liña de traballo íntegra e global con indicadores comúns. Ao seu xuízo, non vale de nada que cada profesor nun mesmo colexio cambie e innove no ensino pero cada un tirando cara unha coordenada distinta. De aí que o consenso entre o profesorado sobre cara onde ir sexa preciso.

Á hora de decidir unha liña común, explicou este mestre galego que o claustro de profesores é o espazo onde iniciar o movemento. O consenso na toma de decisións sería fundamental. "No momento en que é acordado entre todos, non se pode romper", opinou. Como práctica, convidou aos asistentes ao obradoiro a que se imaxinasen xerando o cambio. Para iso, animounos a responder en grupos a unha serie de preguntas.

O primeiro sobre o que tiveron que reflexionar foi sobre que tipo de centro ansían (como lles gustaría que fose, que iniciativas se poderían emprender e que se precisaría para conseguilo).

O seguinte paso consistiu en falar do propios mestres, por exemplo, imaxinando como lles gustaría que foran os docentes dos seus fillos, como se poderían conseguir esas características e que tipo de actuacións reais se poderían poñer en marcha.

O terceiro punto pasou por pensar no alumnado. Cales serían as características que lles gustaría fomentar nas nenas e nenos ao longo dos anos que pasen no centro; que medidas concretas se poderían realizar para logralo e que se necesitaría. Aquí, foron enumerando cualidades como resilientes, con sentido crítico, con perseverancia, tolerantes, solidarios, autónomos, respetuosos...

Sobre o respeto, preguntou "cando teñen os colexios tempo para traballar o respeto?". Ante a posible resposta de que se debe traballar na casa, defendeu que a escola tamén debe reforzalo e mesmo ensinalo. O mesmo acontece, defendeu, coa boa expresión oral. Unha forma de traballala podería consistir en pedirlles que busquen datos sobre un libro que lles guste para expoñelo na clase.

Como cuarto eixo, situou a metodoloxía na que os asistentes pensaron propostas concretas para mellorar a organización espacial no centro e no seo das aulas para conseguir unha mellor atención e desenvolvemento. Tamén se debería ter en conta a organización do tempo lectivo e de lecer, por exemplo, a duración das clases mesmo podería ser diferente á actual para ter un mellor aproveitamente académico co que os nenos se mostren máis activos e contentos.

O quinto punto -á hora de acordar un cambio global- abranguería o proceso de ensino e aprendizaxe, o currículo e a comunidade. Por exemplo, os mestres deberán decidir se a aprendizaxe debe ser significativa, como podería participar máis a familia na educación e como se poderían satisfacer as necesidades afectivas e emocionais na escola.

Por último, recalcou que a parte humana é a maridaxe perfecta e, nela, os procesos vitais mandan. Cando un neno, por exemplo, non leva os deberes feitos hai que intentar entender que lle acontece porque pode ser que non pase por un bo momento: o divorcio do pai, a morte da súa mascota, por exemplo.