Claves na formación dos alumnos, os libros de texto téñense que adaptar no só os currículos escolares que fixan as Administracións senón ós cambios na forma de impartir contidos na clase ou os gustos dos rapaces de cada época. Por iso, os materiais educativos que hoxe en día elaboran as editoriais non teñen nada que ver cos que utilizaban os estudantes hai 20 anos. Na era dos chamados nativos dixitais, "os libros teñen que ser moito máis visuais" para resultar interesantes ós pequenos e os recursos dixitais deben ser un complemento obrigatorio a calquera manual. "De feito non é normal xa falar de libro de texto como hai anos. Agora como mínimo ofrécese o libro dixital para o profesor, cadernos complementarios para alumnos que teñen que reforzar ou ampliar coñecementos, a proposta didáctica do docente...", explica o coordinador da edición educativa de Xerais, Xosé Manuel Moo. Desde a Asociación Galega de Editoras engaden ademais que agora pónse a lupa nos valores que transmiten estos materiais. "Agora revísase que calquera texto, imaxe ou conto resalte a igualdade, o respecto ós animais ou o ecoloxismo", indica Ana Guerra, portavoz desta entidade.

Días despois de que a Asocinación Nacional de Editores denunciase presións á hora de facer os libros de texto, varias editoras e a Consellería de Educación explican paso a paso cal é o proceso de elaboración de estos manuais.

Quen pode editar libros de texto? Calquera editorial pode elaborar materiais educativos. Tal e como explica a Xunta, este tema está regulado na lexislación educativa estatal na que se indica que "a edición dos libros de texto e demais materiais curriculares non requirirán a previa autorización da Administración educativa".

Quen decide que contidos se inclúen e en que orde? As editoriais están obrigadas por lei a seguir o currículo aprobado por cada Administración educativa, un documento -que pode consultarse na web da Consellería- no que se detalla por cursos e materias "desde os obxectivos marcados ata as competencias a cubrir, os contidos que hai que impartir ou os coñecementos que teñen que superar", indica Moo, quen recoñece que despois cada editorial "ten liberdade para ordear eses contidos e por iso unhas crean nove unidades, outras quince...". Iso sí, o documento da Xunta é bastante específico "por bloques temáticos" e a exposición dos temas a tratar "mesmo case serven para facer o índice do libro", engade Ana Guerra.

Que profesionais se encargan da elaboración dos manuais? As editoriais teñen plena independencia para formar os equipos de autores que elaborarán os manuais. A dinámica é similar en case todas. Pese a que nalgúns casos asumen a proposta ou proxecto dalgún profesor, especialmente en Bacharelato, a maioría dos casos conforman un equipo propio de pedagogos e profesores ou especialistas na materia para crear o libro. "Tras isto chega a parte máis importante do proceso: debatir e deseñar o enfoque didáctico, a secuencia das unidades", indica Moo. "Primeiro séntanse as bases pedagóxicas, a metodoloxía e logo aplícase e adáptase a cada asignatura", engade Guerra.

Canto tempo leva preparar un libro de texto? As editoriais galegas consultadas aseguran que é un proceso longo que no caso de partir de cero pode levar entre nove meses e un ano, pero lamentan que ás veces os prazos son máis axustados. "Cando hai un cambio de lexislación na metade da elaboración dun material ou cando a Administración tarda en aprobar os currículos escolares, temos que facer un sobreesforzo para ter os libros a tempo", indican en Xerais. "O normal é que agora xa case comencemos a preparar os do curso que ven", din na Asociación Galega de Editoras.

Como cambiaron os manuais nos últimos anos? Nunha xeración de rapaces que usan a tecnoloxía desde pequenos, o tradicional manual debe completarse con diferentes recursos dixitais. Admais, o libro clásico ten que adaptarse a estes novos rapaces. "Ten que ser moi visual, moi atractivo", indica Ana Guerra. "Nunha época da cultura audiovisual, de internet, dos videoxogos, un libro con texto corrido e sen case imáxes sería totalmente desmotivante para os rapaces", engade Xosé Manuel Moo. Pero non só cambia o deseño das páxinas e a distribución dos contidos, senón que agora coidanse detalles que hai uns anos apenas se reparaba neles. "Inténtase que o libro esté creado para que os nenos desenrolen a súa capacidade crítica e ademais que vele por promocionar a igualdade e a diversidade", indican en Xerais, onde aseguran que levan anos traballando neste camiño. "A igualdade, por exemplo, non se trata de crear unha unidade con este tema senón que a idea se transmita ó longo de todo o material", sostén Moo. Algo que comparte Ana Guerra quen asegura que, a diferencia de hai anos, difundir a igualdade, a ecoloxía ou o respeto animal é algo básico na actualidade. "Nun exercicio calquera hai anos poderíase pór 'colles unha palliña de plástico para facer...' e iso agora non se concibe", pon como exemplo.

A Xunta supervisa os materiais antes de que saian ó mercado? Non. Unha vez finalizados os materiais educativos as editoras os mandan imprimir sen que ninguén da Administración educativa bote un ollo ós libros e actividades deseñadas. Xa no mercado, os comerciais de cada editorial amosan os seus produtos nos centros escolares para que os docentes podan comparar os diferentes materiais. Iso sí, desde a Consellería aseguran que a supervisión dos libros forma parte "do proceso ordinario de inspección educativa sobre a totalidade de elementos que integran o proceso de ensinanza e aprendizaxe". Segundo explican nas editoriais, inspección educativa pode pedir os docentes analizar os materiais que usan nas clases e alí detectar calquera anomalía ou problema.

Quen decide finalmente qué libro usarán os alumnos? A Consellería de Educación explica que, tal e como se recolle na lexislación e en virtude do "exercicio da autonomía pedagóxica" corresponde "ós organos de corrdinación didáctica dos centros públicos adoptar os libros de texto e demais materiais que teñan que utilizar no desenvolmento das diversas ensinanzas".

"O mais habitual é que os profesores que conforman o departamento dunha determinada materia acorden qué material utilizar. Defendemos a liberdade de cátedra dos docentes para elixir os libros porque son os que mellor coñecen os seu alumnado", indica Xosé Manuel Moo, quen ten claro que as necesidades e intereses dos estudantes varía en función do centro da comunidade.