"Dende hai anos observo unha realidade en centros educativos que creo necesario erradicar: a coexistencia de diferentes maneiras de atención educativa que se lle ofrece ao alumnado dun mesmo centro", expresa Javier García, mestre e pedagogo que impartirá o seu taller do III Foro de Educación de FARO DE VIGO na tarde do venres (20 de setembro) e na do sábado (21) baixo o título: "A necesidade de crear proxectos educativos integrais. Guía para non morrer no intento".

Durante unha hora e media as persoas que asistan "terán a oportunidade de comprobar que chegar a amplos consensos nunha comunidade educativa é algo factible, abandonando as posturas individuais que moitas veces rexen o quefacer diario". Javier García fala dende a experiencia.

"Non é de recibo que os centros educativos non sexan capaces de organizar e poñer a funcionar unha liña de traballo íntegra e global que reúna unha serie de indicadores comúns para todo o centro. Falo de consensos á hora de definir a identidade dun centro, a dos seus docentes, a liña metodolóxica, os fins formativos que perseguimos para o alumnado e a visión de comunidade educativa pola que se aposta", expresa García.

Asegura Javier que é necesario, "dunha vez por todas, aproveitar todo o potencial docente que existe nos centros educativos galegos (que é moito e de gran calidade!) e poñelo ao servizo do desenvolvemento integral do alumnado mediante a posta en marcha de proxectos educativos globais onde o importante sexa sempre o ben común de toda a comunidade educativa poñendo o foco central nas verdadeiras necesidades dos nenos e nenas a estas idades: sociais, afectivas, motrices, intelectuais, de autocoñecemento, de seguridade e confianza, de espírito crítico... e agora ata necesidades virtuais".

"Non é difícil conseguilo. Creo que é relativamente sinxelo chegar a consensos e logo executalos a través dun proxecto educativo onde toda a comunidade educativa estea cómoda e o sinta como seu", engade Javier. Segundo as súas palabras, "nunha sociedade individualista, conformista, desnaturalizada, desconectada e deshumanizada, só as escolas fortemente construídas arredor dun proxecto educativo global e íntegro serán capaces de formar ás novas xeracións coas raíces ben fortes como para reverter esta situación". Explica este meste e pedagogo que serán escolas que ofrezan, durante os nove anos de escolaridade (por certo, os anos máis importantes no desenvolvemento do ser humano), unha serie de ensinanzas e principios tan ben definidos e defendidos que lograrán mudar o status actual da sociedade.

En canto aos fins do seu obradoiro, García pretende "que quede claro" que ninguén é culpable por non telo feito antes. "Pero serán responsables de non intentalo a partires de agora. Non podemos seguir facendo o que viñamos facendo se agora somos coñecedores da existencia doutros camiños máis responsables cos fins educativos que perseguimos", conclúe.