O equipo de Ribeiras de Salitre', programa de Producións Celta capitaneado por X. H. Rivadulla Corcón, diríxese hoxe (16.10 horas, Televisión de Galicia) ata O Grove, onde se traballa o mar a través de diferentes artes pesqueiras. Arte marisqueiro, nos traballos no mar, na lonxa, arte da salga, dos carpinteiros de ribeira e das colareiras. Confraría con espírito artístico a do Grove, á que están asociados 600 homes e mulleres, das cales 400 son mariscadoras a pé, o resto traballan as artes menores e o cerco, e conta cun importante polígono bateeiro.

Na zona marisqueira, o espazo atoparase a Lisi García, María José Castro e Tete Otero, que aínda van empezar unha xornada dedicada á limpeza de algas, un traballo duro polo que as mariscadoras non cobran. A cualificación de artes menores só ten un valor administrativo, pois é evidente que polo traballo e polo que representan para a cultura do mar e para as familias mariñeiras son artes esenciais dun gran valor económico, cultural e sentimental. Para falar disto contarase co mariñeiro Feliz Piñeiro.

Lonxa

Na lonxa conversarase con Milo Galiñanes, que fai xa 30 anos traballando nesta lonxa. Sempre que se acode ao porto do Grove cómpre visitar o Museo da Salga e gozar co bo facer musical da asociación cultural Cantodorxo. A continuación, o espazo acudirá á casa da mariscadora Isaura Ferro, que cociñará unhas ameixas en escabeche

Seguindo coa arte mariñeira, hai que ter en conta os carpinteiros de ribeira, os sabios construtores das embarcacións que son o centro da cultura mariñeira, e, para iso, falarase con Pepe Garrido.

Tamén a arte das colareiras do Grove é un dos sinais de identidade da cultura do mar no Grove. Cunha das súas representantes, Montse Betanzos, que aprendeu o oficio da súa nai Meis Cacabelos, coñecerase máis a fondo esta manifestación artística.