A Xunta impulsa un programa de actividades de dinamización da lingua galega e de sensibilización contra a violencia de xénero baixo o lema Nós contra a violencia. No marco deste proxecto, que foi presentado hoxe na Cidade da Cultura, os concellos incluídos na Rede de Dinamización Lingüística acollerán actividades como concertos, pezas teatrais, obradoiros, contacontos e material para campamentos de verán centrados no fomento do uso do galego e na promoción da igualdade.

Na presentación desta iniciativa participaron onte o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. De feito, esta acción é froito dun acordo de colaboración entre a Vicepresidencia e a Consellería de Cultura e Turismo para desenvolver parte das medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, centrado en sensibilizar á sociedade da necesidade de loitar contra esta lacra.

O conselleiro destacou que se trata dunha iniciativa que permite avanzar na consecución de "dous obxectivos prioritarios" para o Goberno galego, como son a promoción do galego e a sensibilización contra a violencia de xénero. Neste sentido, salientou que no marco de "Nós contra a violencia" difundiranse valores como o respecto e a promoción da igualdade entre mulleres e homes a través das artes escénicas pero tamén mediante iniciativas como a creación de material didáctico e formativo nesta materia realizado no noso idioma.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou a importancia de iniciativas como esta, que son mostra do compromiso transversal do Goberno galego na loita contra a violencia de xénero, en tanto que esta lacra que só se pode erradicar co esforzo conxunto de todas as institucións e toda a sociedade.

Entre as distintas actividades que se levarán a cabo destacan accións como a peza teatral "Mai Mai", que estará a cargo de Baobab Teatro, que aborda temas como o empoderamento feminino ou a prevención da violencia.

Tamén se inclúe o espectáculo "O rueiro das liortas," de Elefante Elegante Teatro, unha obra que afonda no papel das mulleres nas relacións de parella. No eido musical, terá lugar un concerto do grupo A Roda titulado "A Roda da igualdade", mentres que tamén haberá obradoiros para pais e nais dentro do proxecto Igual-Son, que inclúe música, danza e contos para incentivar o uso do galego e reflexionar e educar en valores de igualdade.