O programa da TVG "Vaia Troula" Vai celebrar HOXE pola noite en Zas a Festa de Santa Margarida de Muíño, unha das máis importantes da Costa Morte. Á devoción da veciñanza pola súa santa súmanse a música e a boa comida nunha xornada que remata cunha romaría campestre das de toda a vida. Por se fose pouco, as cámaras de "Vaia Troula" captarán tamén o ambiente da Romaría da Madalena de Santa Uxía de Lobás, no Carballiño, na Festa da Bica de Trives, do concerto de Tom Jones en Vigo e da Feira das Marabillas, que converte A Coruña nunha cidade medieval.

E haberá aínda máis troula da man da reporteira Belén Rivero, que estará en Moraña para participar nunha nova edición da Festa do Carneiro ao Espeto, unha celebración á que acoden milleiros de persoas. Pola súa parte, Adela Bértolo irá ata Padrón para gozar da Romaría de Santiaguiño do Monte, onde se organiza unha procesión e unha sardiñada popular. Ademais, Raquel Pérez pasará pola Festa da Paella de Cortegada, no concello de Silleda.

Tamén "A revista fin de semana" ten hoxe unha cita coa Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña, considerada unha das citas gastronómicas máis importantes de Galicia.