Co título "Vundita vento" o filólogo vigués Suso Moinhos acaba de publicar na editorial Espero -de Eslovaquia- a tradución a esperanto de "Vento ferido" (1967); a primeira obra de Carlos Casares (1941-2002). Trátase dunha colección de doce relatos nos que imperan temas como a decepción na confrontación coa realidade, a soidade, a represión ou a violencia. O segundo texto, "Coma lobos" -"Kiel lupoj" na tradución ao esperanto- narra un paseo da Garda Civil durante a ditadura, o cal determinou que a censura do réxime franquista tentase secuestrar a edición. O esperanto é a lingua planificada internacional máis difundida e falada no mundo: saen anualmente 130 títulos, un pouco máis dos libros publicados en bretón (120).

A tradución ao esperanto conta cun emotivo limiar de Håkan Casares Berg, fillo do autor, e cun estudo introdutorio de Iolanda Galanes, profesora da Universidade de Vigo.

"A colaboración coa Fundación Carlos Casares foi de especial importancia para a tradución", asegura Suso Moinhos. "Ademais de ceder os dereitos para esta edición, a Fundación acompañou todo o proceso, facilitándome o acceso a esclarecedores manuscritos do autor, así como a traducións publicadas noutras linguas", sostén. Pero o libro vén tamén a saldar unha débeda sentimental. "Carlos Casares foi o autor da tradución dun dos meus primeiros libros en galego: "O principiño". Tamén foi profesor meu, de literatura española, no instituto San Tomé de Freixeiro. Dalgunha maneira, coa tradución de "Vento ferido" tento corresponder á súa lección de dedicación e xenerosidade, indica o autor. "Vundita vento" foi xa presentado polo director da editorial Espero, Peter Balá?, durante as Xornadas de Estudo Estival en Esperanto. En 2017, un dos relatos do libro, "A rapaza do circo", xa fora publicado na revista literaria Beletra Almanako e nesa mesma revista tamén está a tradución de catro relatos de "Os outros feirantes", de Álvaro Cunqueiro e varios poemas de Celso Emilio Ferreiro, entre outros.

En xuño saiu do prelo, na editorial Mondial, de Nova York, outra tradución de Suso Moinhos: o libro de relatos "A ferida" (2004), de Begoña Paz.