"Hamada", documental sobre a mocidade saharauí do cineasta galego Eloy Domínguez fala de resistencia e rebeldía, retratada a través de fragmentos de vida de personaxes duns vinte anos que se senten atrapados no vasto e inhóspito deserto.Tras o paso por festivais internacionais e estatais como o de Xixón -onde se alzou co premio á mellor película e mellor director-, Elamedia Estudios estrea o filme en salas de toda España. O director participa hoxe na presentación nos Multicines Norte en Vigo (20.15 horas) xunto coa presidenta da Solidaridade galega co pobo saharauí, tras vivir outro pase especial onte. En Galicia, onde a película se estrea subtitulada en galego, Domínguez Serén está a acudir a presentacións en Santiago (Numax), e na Coruña (Yelmo Los Rosales).

-Logo do éxito europeo, síntese profeta na súa terra?

-A cinta é unha coprodución entre Suecia, Noruega e Alemaña. Un dos nosos obxectivos era visibilizar ese conflito en países nos que aínda non se coñece. Sen dúbida Francia e España son os máis involucrados, pero para nós era chamativo que un conflito tan grave e estendido no tempo fora pouco coñecido en Europa. Centramos as nosas enerxías inicialmente na distribución en festivais internacionais,nuns 20 países. En todos eles, dende Croacia ata Holanda, atopámonos cunha realidade semellante: non coñecían nada. Nin sequera sabían que houbera refuxiados. Estamos moi contentos de que unha película tan pequena coma a nosa chegue a cinemas de todo o Estado. A proxección en Galicia era un empeño persoal meu.

-Propoñen o posterior debate.

- Queremos fomentar o debate cos espectadores; por iso acompaño o documental en todos os pases, ou se presenta con 'amigos' da película e coñecedores do Sáhara, ou outras asociacións e axentes políticos. Quen pode tomar decisións con respecto ao conflito adoita adoptar unha posición de ambigüidade.

-A familiaridade que amosa a cinta, é froito da convivencia durante 8 meses cos protagonistas nos campamentos?

-Como galego, veño dunha tradición forte de emigración. Os meus avós foron emigrantes do rural de Pontevedra en Holanda, onde se criou a miña nai. Eu emigrei a Suecia e coñecín a refuxiados que viñan de Siria e Somalia e establecín unha relación de amizade con eles. Nos campamentos do Sáhara recibíronme con unha hospitalidade tremenda. A experiencia valeume para coñecer a xente nova, pero tamén traballei na construción. Axudei na reconstrución dos campamentos que foran destruídos por unhas choivas torrenciais. A relación de confianza e amizade acaba traducíndose na película. É algo que sorprende: o grado de intimidade e a espontaneidade nas súas conversas. Exprésanse de xeito moi aberto porque a película converteuse nunha plataforma aberta para falar de temas que quizais non tocarían noutro contexto.

- "¿Que día é hoxe? O mesmo ca onte", dise no arranque do documental. A mocidade sente un estado perpetuo de espera.

-É unha sensación bastante frecuente de frustración, ata de baleiro. Pero é importante que os tres protagonistas principais se enfrontan a esa realidade de xeitos distintos: a rapaza é máis proactiva, construtiva, animosa ou quizais idealista; logo o maior de 9 irmáns que ten que prover a familia e o terceiro é o que representa mellor ese día da mamota, esa falta de perspectivas por non ter traballo, nin nada que facer.

-É realmente tan gravosa a cobertura sanitaria para os saharauís como se conta na película?

-Existen centros sanitarios en todos os campamentos, hai persoal médico ben formado que estivo, por exemplo, en Cuba. Pero o acceso a medicinas básicas é moi limitado; faltan nos hospitais. Cada vez que ocorre un caso que non se pode tratar alí, ir a Alxeria comporta custes enormes, nun lugar no que non existe emprego, nin economía. Para o mozo da película, ese foi o detonante de vir a Europa, aínda que el non quería. Hai uns días presentou con nós a película unha rapaza saharauí que dixo:"Eu tiven a sorte de ser celíaca". Imaxínate a súa visión! Porque ela puido ser tratada en España.

- Tamén un fin humanitario.

-A metade dos cartos que obtivemos en Xixón foron para os protagonistas; a outra metade, para a cobertura de nenos que non poden ter acceso a tratamentos.

- O programa "Vacacións en paz" ten tantos seguidores como detractores. Que opina vostede?

-Atopeime con varios nenos nos campamentos que estiveran en Galicia. Un fenómeno curioso que acontece é que te atopas con nenos de 12 ou 13 anos con acentos moi fortes dos lugares nos que estiveron: con acento vasco, ou de Sevilla, e por suposto moi a miúdo con acento galego. A súas lembranzas máis fortes eran do mar. Atopei nenos que estiveran ata tres veráns en Galicia con ese controvertido programa. Véxolle tanto vantaxes como desvantaxes. Por unha banda é bo que non pasen o verán nos campamentos porque se chegan a 51º as temperaturas e hai cortes de luz constantes. Tamén que as familias de acollida danlle garantías médicas. As partes máis escuras do programa son que durante dous meses estaslle amosando aos cativos unha realidade da que non van formar parte. Esa visión non lle crea máis conflitos? Se se quedan, non é unha renuncia para a súa familia biolóxica? E outro problema: logo o neno con 12 anos recibe cartos da familia española, e convértese ás veces, no provedor desa familia saharauí.