O músico, poeta e creador audiovisual Antón Reixa defende que "a produción audiovisual incidiu tanto no prestixio social como na estandarización do idioma". O creador falou sobre este tema na Facultade de Filosofía, na praza compostelá de Mazarelos -un escenario vital que foi testemuña dos sucesivos avances para o idioma-. "De sempre, a normalización do galego ten que ver co discurso que defende elementos de igualdade social", engadiu.

Neste 2019 cúmprense trinta anos da estrea das tres primeiras longametraxes comerciais galegas, "Sempre Xonxa", "Urxa" e mais "Continental". Nos anos seguintes, ao longo da década dos 90, a produción audiovisual estenderíase conquistando para a lingua propia territorios como o da creación de ficcións televisivas. Antón Reixa, nome esencial desta industria en Galicia, analizou o impacto destes avances no ámbito sociolingüístico no marco dos Cursos de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia, coorganizados pola Real Academia Galega (RAG) e o Instituto da Lingua Galega (ILG).

"Eu son da primeira xeración que se incorporou ao galego sen complexos, malia non ser considerado entón idioma oficial", afirmou Antón Reixa (1957) no mesmo lugar onde empezou a estudar Filoloxía antes da morte de Franco.

Hoxe o galego estándar, valorou, é "aceptado de forma maioritaria polo mundo académico e, sobre todo, socialmente como sistema de referencia". O vello inmoble da USC en Mazarelos foi ademais escenario das discusións sobre a introdución da materia de Lingua galega e literatura nos exames da selectividade, outro debate no que participou a mediados dos anos 80 xa como docente de secundaria. Tres décadas despois, a facultade é testemuña doutro feito ben diferente que reflicte unha das facianas máis positivas da evolución do idioma: o interese de setenta alumnos e alumnas de vinte nacionalidades diferentes pola lingua galega.

Reixa incidiu na contribución da televisión ao proceso de normalización do idioma: empezando por aquelas desconexións informativas de pouco máis dunha hora que estreou TVE a finais da década dos 70 a 1985 co comezo das emisións da TVG. Antón Reixa recordou que as primeiras reaccións de "desconcerto" dos telespectadores ao ouviren falar en galego os personaxes de series como "Dallas", que coñeceran antes en castelán, deron paso á aceptación de que o galego é unha lingua apta para as ficcións televisivas. Estes produtos dobrados, unidos aos da programación infantil e os informativos e outros programas de produción propia, contribuíron a que se percibise por fin como un idioma apto para todos os rexistros, proseguiu. "Deberían dedicarlle un Día das Letras Galegas a Son Goku, foi un grande elemento normalizador", chanceou quen tamén o foi demostrando cos Resentidos que se pode facer rock na lingua do país.

A televisión feita en galego non só contribuíu á dignificación do idioma, foi e é tamén unha ferramenta de difusión das formas normativas, abundou. "É o caso do vestiario dos xogadores de fútbol. Hoxe é unha forma asentada, cando antes a xente lle chamaba vestuario ou caseta", puxo como exemplo Antón Reixa, que tamén atribuíu un efecto normativizador ao célebre "Estás bébeda, Sue Ellen" da devandita "Dallas".

A día de hoxe, o audiovisual galego está "moi desenvolvido", pero como en toda Europa segue a depender do diñeiro público, "e iso sempre provoca unha relación tensa", concluíu.