Paz Filgueira Paz, maxistrada do Xulgado de Violencia de Xénero de Vigo, leva anos ditando milleiros de sentenzas en galego nun mundo, o xudicial, practicamente pechado á lingua galega. Carlos Salgado dirixe o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías na procura, nas súas investigacións, de atopar as chaves dos momentos máis achegados ó Big Bang, a fundación do universo; mentras imparte aulas en galego da súa especialidade de física na universidade compostelana. Manuel Bermejo Patiño foi profesor da USC dende onde preparou materiais didácticos na lingua galaica para matemáticas, física e química. Estes tres persoeiros forman parte dende onte da listaxe de persoas distinguidas cos Premios Lois Peña Novo.

A entrega dos galardóns realizouse no Castelo de Soutomaior nunha cerimonia na que actuaron Rosa Cedrón e Emilo Rúa. No acto, ademais, houbo un agasallo ós asistentes como cortesía de Adegas Terras Gauda.

Na entrega de onte da XXV edición dos Premios Peña Novo houbo, como non, moita emoción e orgullo por parte dos galardonados pero tamén por parte da organización.

O fin da Fundación Lois Peña -na que destaca o labor de Carme Pérez e Xosé González- é recoñece-lo labor a prol do galego por parte de persoeiros recoñecidos nos distintos campos do coñecemento e do traballo caracterizados pola súa defensa do idioma galego, especialmente, en espazos nos que habitualmente non está presente.