Xa é oficial. Ricardo Carvalho Calero será o homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2020. O plenario da Real Academia Galega (RAG), tras reunirse onte na sede da institución -no número 2 da coruñesa rúa Tabernas-, anunciou que o autor da primeira historia da literatura galega (editada por Galaxia no ano 1963) e un dos principais defensores do reintegracionismo (proposta de grafía galega baseada na ortografía lusa) será a figura á que se dedicarán as celebracións do vindeiro 17 de maio.

Dos 23 académicos que votaron no plenario de onte, 21 aprobaron a elección, mentres que un votou en contra e outro, en branco. Faise xustiza así co filólogo e escritor ferrolán, primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago (USC) e eterno candidato a protagonizar a gran festividade do idioma galego. A elección de Carvalho Calero (Ferrol,1910-Santiago,1990) chega tras a presentación de dúas propostas por parte de dous grupos de académicos -un con trece sinaturas e outro con nove- que propugnaban ámbolos dous, inda que por separado, a súa candidatura.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, foi o encargado de anunciar a elección de Carvalho Calero, a quen reivindicou como "unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX", cunha obra "indiscutible". Freixanes lembrou tamén que o autor ferrolán participou no redacción do anteproxecto do Estatuto de Autonomía de 1936, e que xa no exilio exterior, "implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio".

110 anos do seu nacemento

O presidente da RAG destacou, ademais, que a elección de Carvalho Calero como figura protagonista das Letras Galegas de 2020 chega no ano en que se cumpre o 110 aniversario do seu nacemento en Ferrol e os trinta anos do seu pasamento, na capital galega.

Víctor F. Freixanes quitou ferro ao feito de que o filólogo e escritor ferrolán levase anos na terna por protagonizar o Día das Letras Galegas sen resultar elixido, e recordou que "non foi o único". "A candidatura de Filgueira Valverde chegouse a presentar ata once veces ata que foi aprobada polo plenario da RAG. É normal que se xere debate", sinalou.

O presidente da RAG tamén restou importancia ao feito de que Carvalho Calero fose reintegracionista, unha "cuestión menor" nunha institución na que "cada un ten a súa postura" pero na que "se pode falar de todo", subliñou.

"Afortunadamente hoxe a lingua ten unha solidez e unha estabilidade indiscutible. Estamos en condicións tamén de, con absoluta liberdade, escoitar todas as voces, porque todas as voces deben ser ouvidas. Outra cousa despois son as posicións", apuntou.

"Cando se celebren seminarios ao redor da súa figura, a Academia garante que esas voces tamén van ser ouvidas con liberdade absoluta de expresión e de opinión. Temos un sistema suficientemente maduro como para poder falar destas cousas con absoluta naturalidade", engadiu.

A filla dá as grazas

Precisamente, María Victoria Carballo-Calero, filla de Ricardo Carvalho-Calero e profesora emérita da Universidade de Vigo, sinalaba onte que o recoñecemento a seu pai "chega despois de nove veces de intento. O que me gustaría é que houbera un debate serio e que se chegara a un acordo. Falo dun debate en condicións igualitarias sobre a lingua", en alusión ao bloque que defende a ortografía e grafías actuais do galego e o bloque reintegracionista.

Esta historiadora da arte aproveitou para recalcar que non lle "parecía xusto" que pasaran os anos sen que as candidaturas propoñendo o seu proxenitor para as Letras Galegas chegaran a bo porto. "Non me parecía xusto. Por iso, a miña primeira reacción é de agradecemento ás persoas que ano tras ano e contra todo mantiveron a súa figura como exemplo de dignidade, coherencia e liberdade ademais dos tributos de literato, científico e escritor. Había unha parte da sociedade que non se explicaba que pasaba aí" (na RAG).

A loita de AGAL

Entre os colectivos que máis loitaron polo recoñecemento da RAG, atópase AGAL, Associaçom Galega da Língua. O seu presidente, Eduardo Maragoto, sinalba onte a FARO: "Non te podes imaxinar o que levamos loitando por isto. É algo moi importante para o reintegracionismo e para a asociación que naceu en 1981".

Maragoto lembrou que AGAL foi dende ese ano "o vencello máis grande que mantén Carvalho coa cultura galega. Cando se fala de que el foi o fundador do reintegracionismo, penso que si fai xustiza porque el aglutinou ao seu redor a tódalas persoas -naquela altura, docentes de galego, galeguistas- que pensaban que o galego, para ter máis forza no futuro, debería coordinarse co mundo lusófono. Iso significaba ter en conta o portugués para tomar decisións ortográficas. Iso era moi mal visto por unha parte do galeguismo e dos políticos".

"Marxinado" durante anos

Como consecuencia, explica Maragoto, "no caso de Carvalho, deu lugar a unha marxinación moi grande ó longo dos últimos dez anos da súa vida. Pasou de se-lo todo, de ser o gran filólogo de Galaxia, do gran filólogo do galeguismo, pasou de se-lo gran referente a ser unha persoa na marxe, marxinado polo galeguismo".

O presidente da AGAL coincidiu co da RAG en que a sociedade ao fin parece haber mudado: "A cultura e a sociedade galegas maduraron moitísimo. Hoxe en día, existe máis vontade de oír as opinións diverxentes e de chegar a consensos".

Maragoto aproveitou para lembra-lo ideario do mestre que opinaba que "un idioma galego sen contacto co mundo internacional era algo suicida. Despois, coa chegada de internet e a melloría das comunicacións, confirmouse o que el propuña. Os políticos hoxe están na onda de converxer co mundo portugués, aínda que non se sabe como".

Dende dentro da RAG, a académica Margarita Ledo (unha das que promulgou este ano a candidatura de Carvalho-Calero) resaltou que "o importante é que tódalas cousas se poden falar e debater; o importante é recoñece-la xente que dende distintas posición está a prol do galego".

Outro académico da RAG que impulsou a candidatura de Carvalho na Academia Xosé Luis Axeitos, quen sinalou do homenaxeado que "foi o primeiro en darnos unha historia da literatura galega, o que tivo unha función cohesionadora da literatura. Iso abondaría para glorificalo mil veces", ao tempo que recoñecía os agrarios que sufriu en vida pola defensa do reintegracionismo.