23 de junio de 2019
23.06.2019

Carlos Salgado: "En Santiago facemos física de partículas ó mesmo nivel cós grandes centros europeos"

"O universo estaba nun líquido perfecto tralo Big Bang pero non sabemos como se produce"

23.06.2019 | 04:30
// Xoán Álvarez

De neno, a Carlos Salgado (Monforte, 1971), gustábanlle as estrelas, as ciencias naturais, as matemáticas, a física e, sobre todo, os experimentos. Agora, de maior, é un apaixoado da física de partículas na que traballa e na que está considerado unha eminencia internacional; ademais dun firme e coherente defensor da lingua galega. O xurado do Premio Peña Novo decidiu concederlle un galardón este ano "polo seu compromiso permanente co idioma galego na súa actividade docente na que utiliza o galego como lingua vehicular nas aulas así como na súa actividade investigadora", na Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC) onde dirixe o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE).

-Na súa carreira como profesor na Facultade de Física, atopou algunha negativa do alumnado a impartir as aulas en galego?

-Nunca tiven ningún problema, todo o contrario. As clases do máster case sempre as dou en inglés porque hai bastante alumnos estranxeiros; pero se non hai tantos foráneos, si que as dou en galego e non tiven problema. O ano pasado, si que me pediron se podía ter unha versión en castelán do exame. Así se fixo e o alumno quedou contento.

-Que visión ten da situación do galego na actualidade?

-É unha visión complicada. Teño fillos pequenos: un de nove e outro de seis. Dende que naceron, faleilles galego e a nai, que é de Alicante, en valenciano. Dáme moita pena que tanto os meus fillos como os de amigos que eran galego falantes ó entraren na escola, ó cabo de dous ou tres meses, se convirtan en monolingües en castelán. Dáme pena porque o feito de ser multilingües dende pequenos vailles facilitar o aprender despois outras linguas. Eu falo cinco e utilízoas cos meus colegas de traballo. No IGFAE, hai xente coa que falo en francés, en italiano... con total naturalidade. O feito de ter máis dunha lingua na cabeza, facilitoume aprender outras.

-Que futuro albisca?

-Non sei cal vai se-lo futuro porque é moi difícil de predicir pero estes feitos preocúpanme bastante. Cando vexo as porcentaxes de uso de lingua por idade, penso que temos un problema grave. O que pasa na escola é un reflexo do que pasa na sociedade. Tampouco creo que sexa un problema dos políticos. Ata que a sociedade non se decate de que ter máis dunha lingua é unha riqueza, as cousas non cambiarán. Aquí, pola historia recente, inculcaron que a situación lóxica debería ser un país monolingüe pero os países monolingües son a excepción. Eu vivín en varios países e puiden comprobalo.

-Entrando na súa materia, como está a física de partículas no presente?

-Os últimos anos foron un periodo excitante na física de partículas. A física que estou facendo cambiou radicalmente. Agora estamos pensando que facer a partir do LHC, o colisionador de hadróns e acelerador de partículas do CERN (asentado en Xenebra, Suiza, e no que se intenta descubrir cal era a situación xusto despois do Big Bang do universo). Hai unha proposta de facer un novo acelerador de 100 quilómetros, na que estamos participando desde o IGFAE.

-Cen quilómetros de colisionador. Sona incrible.

-Serían 100 quilómetros de circunferencia. O LHC é o colisionador que hai nestes momentos ten 27 quilómetros de circunferencia. Agora, hai outra proposta para facer un de 100 quilómetros. Multiplicaría por sete a enerxía que ten o acelerador actual. Isto está en discusión. Son proxectos que implican a varias xeracións de físicos.

- O importante é que Galicia siga presente nestes proxectos co paso do tempo.

-Nestes momentos, o noso insituto, o IGFAE de Compostela, está moi ben posicionado internacionalmente. Parte dos proxectos relativos ós aceleradores do CERN son liberados dende Santiago. Abrimos unha liña nova de ondas gravitacionais, que é unha nova maneira de mirar o universo.

- Xusto este ano, concedéronlle a vostede unha Advanced Grant, un proxecto europeo, que vai estudar?

-Nós sabemos que hai un novo estado da materia na que os quarks e os gluóns, que forman os protóns están libres a unha temperatura altísima. Este novo estado acádase no LHC con temperaturas que son varios centos de milleiros de veces as do interior do sol. O interesante é que este foi o estado do universo unhas millonésimas de segundo despois do Big Bang. Ti máis eu estabamos nun estado da materia que se chama plasma de quarks e gluóns. A distancia á que poderiamos estar podería ser menor cá dun protón. Levamos anos reproducindo este estado no laboratorio e descubrimos que é un líquido perfecto cunha viscosidade moi pequena. Así, sabemos que o universo e ti máis eu estabamos nun líquido perfecto (xusto despois do Big Bang). O que non sabemos é como se produce, o mecanismo físico.

- O proxecto denomínase YoctoLHC e fala do yoctosegundo ...

-Queremos medir como se produce este novo estado que se produce en unidades de yoctosegundo, a unidade máis pequena de tempo para a que temos nome no Sistema Internacional de Unidade. Hai tempos máis pequenos pero non temos nome. Os experimentos fanse en Xenebra pero o proxecto ten base principal en Santiago e colaboración con Lisboa e Finlandia. Nós podemos ir o CERN ( European Organization for Nuclear Research, Orgnización Europea para a Pesquisa Nuclear) cando queiramos, a metade do noso instituto é científico asociado do CERN. Podemos facer física de partículas en Santiago ó mesmo nivel que en calquera gran centro de Europa ou do mundo. Temos grupos liderando parte da física que se fai no CERN.

- Estamos a piques de saber que pasou tralo Big Bang?

-Cada vez nos imos achegando máis. Coas medidas de ondas gravitacionais, esperamos ir a tempos máis cercanos ó inicio do universo. Tampouco sabemos se houbo un tempo inicial ou se era unha cousa máis complexa.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

SELECTIVIDAD GALICIA 2020


Toda la información sobre la selectividad

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias

FaroEduca