O xurado do II Premio Roberto Vidal Bolaño decidiu declarar gañadora a obra "A sombra das árbores", de Ana Abad de Larriva, informou onte a Editorial Galaxia.

O xurado destacou que "A sombra das árbores" é unha proposta teatral de corpo poético onde movemento e palabra cobran especial importancia. Preséntase como unha peza teatral aberta onde a dirección, xunto co grupo de actrices e actores, construirá desde ese non lugar un escenario simbólico poboado por un bosque de sombras que é o espazo que habitamos. "A sombra das árbores" impúxose aos 14 orixinais presentados e será publicada pola Editorial Galaxia o vindeiro outono.