O programa Zigzag contará hoxe coa presenza de Carlos Bernárdez, especialista na obra de Arturo Souto, o artista galego máis destacado e cosmopolita da súa xeración, a tan ponderada de Os Novos, particularmente brillante nos anos que precederon á Guerra Civil. Esta, como lle sucedeu a outros moitos creadores, cortou a súa progresión, obrigándoo a un forzado e doloroso exilio.

Os espectadores da TVG2 tamén coñecerán o último poemario de Xabier Cid, As bicis, co que gañou o XXI Premio de Poesía do Concello de Carral, un galardón dos de maior prestixio no panorama literario galego.

Este proxecto poético, de carácter alternativo e experimental, innovador na disposición dos versos, está construído desde unha suposta ollada e voz feminina e feminista.

Premio Internacional de Arte

Ademais, a colaboradora María Yáñez falará de cultura na Rede e ofrecerase unha reportaxe sobre VII Premio Internacional de Arte da Fundación María José Jove, outorgado á artista navarra June Crespo e con recoñecementos ás galegas Elisa González e Julia Huete.