Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O profeta do mar que quixo vivir

Xan Leira homenaxea ó poeta Bernardino Graña nun documental no que repasa as súas aportacións literarias, sociais e políticas ó longo de 87 anos de existencia

Xan Leira, con Bernardino Graña na rodaxe do documental en Panxón. // Acuarela Comunicación

Xan Leira, con Bernardino Graña na rodaxe do documental en Panxón. // Acuarela Comunicación

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Vigo

"Polas ondas sin muros e sin diques/ polo lombo do Atlántico azulado/ brinca e buja o arruás todo apurado/ perseguindo os bonitos i os alcriques". Os versos contidos en "Profecía do mar" aínda resoan e xa van 53 anos dende que viron a luz. O seu autor é o morracense Bernardino Graña, o poeta do mar -con perdón doutro literato do océnano e as ondas, Antonio García Teijeiro,Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil por "Poemar o mar", escrito en galego- ó que o cineasta Xan Leira decidiu homenaxear cun documental. A peza leva por título "Bernardino Graña. O home que quixo vivir".

O traballo forma parte dunha colección audiovisual de persoeiros que Leira está a retratar nestes últimos anos, "persoas que teñen que ver coa nosa historia de Galicia", explica o realizador quen engade que "Bernardino Graña é unha desas persoas que merece un recoñecemento en vida. Quería que el mirara esta película na que se rescata a súa figura".

O punto de encontro é unha charla en Panxón, "rodeado de amigos íntimos", engade o autor na que "abre as portas ás lembranzas e reflexións do escritor que, diante ó mar, proclama: 'o mar é o meu irmán'".

O estilo narrativo elixido é o coral con persoas próximas ó poeta que van falando da traxectoria vital deste profeta do mar de Cangas ó longo de 35 milímetros. A pesar de estar a piques de cumpri-los 87 anos de idade, Leira ve aínda en Graña unha arista de "neno" pola ledicia dunha persoa "socarrona, vizosa", que sen embargo tivo unha existencia marcada pola loita social e política no antifranquismo. Na formación Brais Pinto (con Ferrín, Bautista Álvarez e Raimundo Patiño, entre outros), foi -lembra Álvarez- "onde xermolou a idea da creación da Unión do Povo Galego (UPG)", partido de esquerdas de ideoloxía galeguista que tería como froitos diversos sectores. Algúns deles converxerían no BNG posteriormente.

Pero tamén houbo moito traballo a prol da literatura, non só a través dos seus libros editados. "Bernardino -conta o escritor Cesáreo Sánchez no documental- como fundador da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega foi a persoa necesaria para achegar vontades para que isto acontecese, para facer confluír múltiples e diversas personalidades. Para min, ten uha dimensión humana moi importante".

Para Heitor Mera, peza destacada tamén no documental, Graña é "un canteiro da palabra, un mariñeiro do verbo. Ti les un texto del e arrecende a salitre cangueiro por todas partes", pero tamén a paso do tempo, ese inexorable ó que cantan boa parte dos poetas. No caso de Graña con certa dor dende os seus anos mozos: "Xa non hai dór siquera, sólo un balbordo lene i un gran fedor salobre i espectación e pasmo, i algún tren retrasado gomita aínda persoas, pero xa é mui tarde"; Benardino dixit.

TEMAS

Tracking Pixel Contents