"Ribeiras de salitre" volta hoxe domingo con novas historias e, para procuralas, puxo a proa rumbo a Ribadeo. A TVG amosa a partir das 15.30 horas o percorrido polo seu porto da man de Rivadulla Corcón.

En Rinlo, o programa atopará a Mari Carmen Río, que andou ao percebe toda a súa vida e a quen lle custou moito retirarse. O seu, agora, é ensinarlles o oficio ás percebeiras das novas xeracións, como a súa filla, Coté Fernández.

Son moitos os encantos do porto e da cidade de Ribadeo, pero un moi especial porque ademais serve de vínculo entre a propia cidade e o mundo do mar, é a praza de abastos, que conta cunha enorme tradición en toda a comarca e onde o peixe e o marisco teñen un protagonismo especial. Na praza de Ribadeo, X.H. Rivadulla Corcón falará coa peixeira Loreto Tojo.

O espazo da TVG tamén se desprazará ao veciño porto asturiano de Tapia de Casariego.