Amador Castro, Enma Pedreira e Rosa Aneiros son os gañadores do Premio Xerais de Novela, do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e do Premio Merlín de Literatura Infantil, respectivamente, anunciou a editorial galega nun comunicado.

Xerais anunciou este sábado, 8 de xuño, en Vigo, o ditame da XXXVIª edición do Premio Xerais de Novela, a XIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXIVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, os tres premios dotados con 10.000 euros cada un.

Amador Castro (Nandulfe-Chantada) gaña o Premio Xerais de Novela, no que concorreron 44 obras, con "Shanghai a Barcelona", unha novela sobre a emigración galega a Barcelona. O xurado estimou que esta obra presenta un orixinal emprego das voces narrativas, fiadas unhas con outras con afán de continuidade. "Destacamos a viveza e naturalidade dos diálogos e a efectiva creación dunha atmosfera abafante ao longo de toda a novela, alén da fusión dun rexistro coloquial nos personaxes cunha linguaxe lírica presente en forma de haikus", suliña o xurado.

Amador Castro Moure vive dende a súa infancia en Barcelona. Licenciado en Ciencias políticas e socioloxía, traballa na creación de aplicacións informáticas e administrador de sistemas. Ten publicados dous libros: "Memorias de antes do encoro", 2013 e "Pillabán, pillabán", 2018.

En declaracións facilitadas por Xerais, o vencedor recoñece que "comecei tarde nisto da novela. Non na literatura", cos problemas da adolescencia". A nova do premio colleuno nas Baleares. "Do teu lado un trebón que te abanea de lado a lado, unha cicloxénese explosiva que arrasa coa tranquilidade que estabas a vivir nas praias de Menorca. Agora, éncheme o corpo todo un enorme sentimento de agradecemento para toda a xente que sempre creu en min".

Por outra banda, o premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, no que concorreron 20 obras, recaeu en Emma Pedreira por "Os corpos invisibles". No seu ditame, o xurado sinalou "a orixinalidade da perspectiva adoptada para o desenvolvemento da trama; a innovación no seu achegamento a un clásico universal e ás autoras inglesas da época vitoriana; o firme feminismo da obra; o retrato social focalizado en problemáticas femininas e a visibilización do papel das mulleres. Tamén destacan o tratamento da violencia económica e a loita por ver recoñecidos os logros científicos e intelectuais das mulleres fronte á apropiación que deles fixo o patriarcado ao longo da historia".

Emma Pedreira (A Coruña, 1978) e filóloga, poeta e narradora. Membro da Plataforma de Crítica Feminista A Sega. Forma parte da denominada Xeración Poética dos 90.

Segundo as verbas recolidas pola editorial, Pedreira sinala que "Gañar o Jules Verne é unha absoluta sorpresa. Téñolle moitísimo respecto á literatura escrita para ese que é o público máis esixente, natural, curioso pero tamén o máis agradecido, o infanto-xuvenil. Tardei en chegar ate aquí e decidirme a escribir unha historia que me levase a dialogar coa xente máis nova ou, mellor aínda na que eu puidese facer de medium para que a historia fale coa rapazada a través de "Os corpos invisibles".

Finalmente, o Premio Merlín de Literatura Infantil, no que concorreron 28 obras, foi para Rosa Aneiros por "Xelís, o guieiro das botellas de mar". O xurado destaca "a excepcional construción dun universo propio, habitado por unha rica galería de personaxes que se sitúan entre o fantástico e o real, para tratar a problemática actual da crise ecolóxica e da contaminación do plástico".

Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976) é xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega, e colabora habitualmente en distintos medios de comunicación. En 1999 presentou a súa primeira novela, "Eu de maior quero ser", á que seguiron "Corazóns amolecidos en salitre" (2002); "Resistencia" (Xerais 2003), Premio Arcebispo San Clemente, 2003; "O xardín da media lúa" (2004); "Veu visitarme o mar" (Xerais 2004); "Ás de bolboreta" (Xerais 2009), Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro xuvenil, 2009 e Premio The White Ravens (Internationale Jugend Bibliothek) 2010. No vindeiro mes de setembro aparecerá publicado na colección Merlín de Xerais "Tres bichicomas, dúas illas e unha serea", obra coa que gañou o Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade 2018. Con "Sol de Inverno", gañara no 2009 o Xerais de Novela.

Aneiros, según se recolle na nota remitida por Xerais ", explica que a obra coa que gañou este ano é "unha obra de denuncia do deterioro do planeta, en particular dos océanos pola contaminación dos plásticos, pero tamén unha obra de esperanza sobre o poder da amizade e da forza do nós. Sempre hai unha botella ao mar para bisbarnos á orella. Ademais, no mes de xuño de hai dez anos recibía o premio Xerais e o agora chamado Jules Verne de literatura xuvenil, así que este premio é unha gran maneira de conmemoralo. Estou desexando que Colérica, Estrafalaria, Mult, Ilva, os sete guieiros da illa de Otlic e Jonàs cheguen ás mans das nenas e nenos para compartir a súa grande aventura".