18 de mayo de 2019
18.05.2019

Un 'contra NODO' descuberto en Vigo

Recuperan na casa dos Beiras Cal unha cinta que documenta o galeguismo nos anos 50

18.05.2019 | 01:42

Filmacións inéditas que datan de comezos dos anos 50 e que amosan a intelectualidade galeguista, con Otero Pedrayo, Cabanillas, Illa Couto e Francisco Fernández del Riego nas cidades de Vigo, Pontevedra ou Compostela en diversos actos culturais, acaban de ser salvadas do esquecemento e do mofo do tempo no documental "Rescatada. 68 anos agardando a memoria filmada". Trátase dun documento histórico filmado en 1951 e 1952 e procedente dos arquivos da familia Beiras Cal que foi recuperado do esquecemento por Miguel Piñeiro e o equipo da produtora "Atlantis Multimedia".

Este documento fílmico supón unha especie de 'contra NODO' destinado á cultura galega no exilio, que fora gravado polo intelectual galeguista Antón Beiras.

O museo MARCO de Vigo acolle desde onte a súa proxección, que dura 37 minutos, de forma continuada nunha das salas da planta baixa ata o 15 de setembro. A emotiva presentación estivo acompañada dunha visión comentada polo historiador Xurxo Martínez González.

No ano 2016, o director e produtor do proxecto -e xenro de Antía Cal e Antón Beiras-, Miguel Piñeiro, atopou no arquivo da familia Beiras Cal unha película nun estado moi deteriorado e da que se descoñecía o seu contido. Tras varias consultas con laboratorios especializados de Madrid, Lisboa e California, descártase a posibilidade da súa recuperación por atoparse o material "cuarteado" e "avinagrado" -o que impedía calquera proceso automático de escaneado- ou ben polo elevado custo do proceso, dado o estado da película e as escasas garantías de éxito. Nestas circunstancias, só quedaba renunciar, ou intentar unha recuperación cos medios que a produtora tiña ao seu alcance.

Fotograma de Otero Pedrayo, Antía Cal, Evelina (muller de Del Riego), Moraima (muller de Celso Emilio) e outros. Á esquerda, Gómez Román.

O filme inclúe unha reportaxe sobre o arquitecto vigués Manuel Gómez Román e o seu acto de ingreso na Real Academia Galega (RAG), xunto a outras gravacións históricas. "Son a mostra de que Antón Beiras seguía embarcado en 1951 na súa empresa de crear un arquivo documental do que acontecía en Galicia ao modo do que o NODO era para a España daquela época e consciente de que unha parte importante da nosa historia non quedaría rexistrada por non ser de interese para a oficialidade do momento", explica Miguel Piñeiro.

O proceso de recuperación do material foi custosísimo, como dan idea os 16.589 fotogramas individuais e 118 tomas secuenciais que permitiron, oito meses despois de duro traballo de dixitalización, sacar á luz a película, que xa se daba por perdida. Iso si, non defraudou as expectativas, indican.

Entre o material histórico máis destacado que inclúe o documental está unha homenaxe a Perfecto Feijóo en Pontevedra coa participación de representantes do Centro Galego en Bos Aires e a colocación dunha placa. No acto participou, entre outros, Ramón Otero Pedrayo, que foi o encargado de glosar a figura de Feijóo e a súa achega ao desenvolvemento musical de Galicia. Rexístrase a actuación do Coro Aires da Terra, fundado por el.

Tamén aparecen actos da RAG na Coruña en recordo de Curros Enríquez e Emilia Pardo Bazán coa colocación dunha placa nos monumentos dos dous escritores e rexístrase filmicamente unha xuntanza -tamén na RAG- na que participan, entre outros, Francisco Fernández del Riego, Casás, Calzado, Paulino Pedret... O documental tamén rescata a actuación da Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra dirixida por Antonio Iglesias Vilarelle e o seu ingreso na Academia. Queda reflectida unha intervención de Filgueira Valverde e a imposición da medalla da Academia por Manuel Casás.

A parte máis sustanciosa da gravación ocúpaa unha peza documental sobre o arquitecto vigués Manuel Gómez Román, a quen podemos ver traballando no seu estudio, cos canteiros nas obras, percorrendo a cidade a pé e en tranvía, ou asistindo á colocación do ramo nalgunha das súas obras. Tamén se amosa o seu ingreso na RAG e hai imaxes da contestación de Ramón Otero Pedrayo.

Inclúese unha visita á editorial Galaxia, onde o arquitecto é recibido por, entre outros, Otero Pedrayo, Cabanillas, Gómez Román, Illa Couto, Francisco del Riego, e ao tempo preséntanse as publicacións que a editorial leva xa feitas. Por último, recóllese un xantar de homenaxe aos membros do Centro Galego, con Valentín Paz Andrade e Martínez Risco que remata ao son das gaitas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook