Se obviamos que as cantigas de amigo eran o pop mainstream da súa época, como sosteñen, entre outros, o escritor Xosé Ramón Pena, probablemente nunca a música popular en galego gozou de tan boa saúde como hoxe en día. Un paradoxo: a caída de galegofalantes nas xeracións máis novas correu en paralelo á normalización do idioma en todas as manifestacións artísticas.

Cando Os Resentidos empezaron a publicar os seus discos, o propio feito de que puxesen palabras en galego á música de raíz anglosaxoa xa era un feito distintivo. Pasaron máis de tres décadas dende entón; agora o idioma do país se utiliza para calquera estilo que un poida imaxinar: hip-hop, rock, metal extremo, trap, power-pop, reggae...

Tema distinto é se o feito de non cantar en español supón unha dificultade engadida ao hora de cruzar o Padornelo. Sobre isto hai opinións contrapostas entre os propios músicos, e a situación varía segundo a escena na que se movan. Se se toman as listas de éxitos como baremo, desde, precisamente, 'Fai un sol do carallo', non hai un súper hit en galego a nivel estatal; tamén é certo que na última edición de Operación Triunfo a pontedeumesa Míriam conquistou ao público cantando con naturalidade na súa lingua.

A proba infalible da vitalidade da música pop -en sentido amplo- en galego é que esta listaxe decepcionará a unha porcentaxe elevadísima de lectores. Si, faltan estes, estoutras, aqueloutros. Tamén intentou canear os nomes máis inevitables, como Os Resentidos, os Heredeiros da Cruz ou outros clásicos da Xeración Xabarín Club. Posta a venda, aí vai:

1. Baiuca: 'Morriña'

Alejandro Guillán marchou a Madrid e, levado pola morriña, decidiu mesturar a electrónica, ámbito no que operaba como Alex Casanova, coa música tradicional galega. O resultado, que está a chamar a atención tanto en casa como fóra, abre a porta a un campo moi inexplorado.

2. The Homens: 'Calamar'

O trío -logo cuarteto- compostelán foi unha das bandas con máis pegada a mediados dos 2000, cunha ben conseguida receita clásica de power-pop: guitarras, ritmos acelerados, melodías pegañentas e coros para non deixalos sós. O vídeo de 'Calamar', de Roi Fernández e Isaac Cordal, gañou o premio do festival de Cans, que empeza o próximo venres a súa nova edición, en 2008. Hoxe só está activo o baixista, outro Roi Fernández, no combo de garage post-rock MalRaio.

3. Guadi Galego: 'Cedeira'

Dende moi nova enrolada en Berrogüetto, uns clásicos do folk, a cantante, pianista e gaiteira ten unha prolífica carreira. Sen esquecer as raíces na música tradicional, na súa carreira en solitario nun dubida en apostar por achegamentos próximos ao pop, como nesta 'Cedeira', que hai uns meses cativou á audiencia do programa de Andrés Buenafuente, Late Motiv.

4. Das Kapital: 'Grecia'

Da luz de Guadi Galego á escuridade dos extintos Das Kapital (2011 - 2015), quizais o proxecto máis radical que deu a música galega nesta década que acaba. "Contra o ditado da convención melódica" e defensores dunha "furia estratéxica" en tempos tenebrosos, a voz d'O Leo nunca soou tan desacougadae ameazante coma recitando os versos de Daniel Salgado.

5. Oh! Ayatollah: 'Case todo é o que parece'

Pop sen complexos -non eluden nin as guitarras, nin os sintes, nin os retrousos sinxelos, nin sequera o autotune- é o que facturan os Oh! Ayatollah. Manteñen un enfoque desenfadado e retranqueiro, inda que con certa amargura. Os seus vídeos, a cargo de Xaime Miranda, son ineludibles. No de 'Case todo é o que parece' xoga o seu papel un exemplar de 'Cómaros verdes', de Aquilino Iglesias Alvariño, homenaxeado no Día das Letras Galegas de 1986.

6. Zënzar: 'Cortina'

Un dos grupos máis veteranos do rock en galego, quizais o que máis anos leva en activo. Os de Cerceda xa andaban a finais dos 80 a guitarrazos contra as inxustizas sociais e ambientais. Dalgún xeito, o seu estilo áspero adapta as influencias o punk e o rock urbano ao mundo rural, nunha sorte de prefiguración -menos festiva, iso si- do movemento bravú.

7. Boyanka Kostova: 'Colacao'

Salvo que alguén levante a voz, o primeiro grupo de trap en galego, inda que o seu sexa máis ben unha parodia do estilo de moda na música urbana. Se hai que falar de sedución recorren ás 'Leiras', e se hai que abordar as drogas que sexa no medio dunha oda ao 'Colacao'. O vídeo, por certo, acaba de saír. "En Galicia hai unha manía horrible de ligar todo o que sexa en galego a movidas políticas, e non. A música en galego como se fai grande é simplemente facéndose", dicían nunha entrevista a El Confidencial.

8. Dioivo: 'Sempre pola morte esperas'

Dúo de metal extremo vigués, eles si que teñen un discurso político moi directo. Inda que a finais do ano pasado sacaron o seu primeiro disco de estudo, xa que é o Día das Letras recollemos aquí esta adaptación do poema de Rosalía de Castro 'Sempre pola morte esperas'. A matriarca da literatura galega nunca debeu de soar con tanta carraxe.

9. Malandrómeda: 'Bótalle caldo'

Referente absoluto do hip-hop en galego xunta outros pioneiros que acaban de volver, os Dios ke te crew, O Hevi nunca deixou de experimentar e mesturar o rap clásico ianki cunha morea de músicas do mundo. En 'Bótalle caldo' argalla unha caste de cumbia para a descrición entrañable e festeira dunha típica verbena galega. Iso si, inda nos temas máis costumistas, un certo ton existencial tingue o ambiente.

10. Lamprea Explosiva: 'Caracol'

Outro dúo vigués de batería e guitarra, desta volta de puro punk primitivo. Cancións híper breves sen sutilizas nin concesións, e con moito humor. No vídeo de 'Caracol' fan o tunante no cemiterio de Pereiró e ata 'profanan' a tumba do anarquista Ricardo Mella.

11. High Paw: Exame

Unha das promesas máis firmes da música galega, esta viguesa de 25 anos pon a súa engaiolante voz ao servizo do reggae e da música de raíz xamaicana. Utiliza varios idiomas, as veces na mesma canción, inda que 'Exame' é monolingüe en galego. Está a piques de publicar unha colaboración con Dakidarría.

12. Poetarras: 'Hasta la diglosia siempre'

E para rematar, nada máis galego que a retranca dos Poetarras, neste caso coa súa particular análise sociolingüística. Versionando o clásico de Carlos Puebla sobre a figura do Ché, o trío ironiza sobre a fantasiosa imposición do galego. Sabes xa quen é o comandante que lidera a liberación do castelán?